martes, 22 de diciembre de 2020

escribir sobre o frío

 


 
 

hoxe debería escribir sobre o frío

atopar o ángulo exacto onde morren

por conxelación as libélulas                       

despexar a fórmula pola que a xeada

queima os gromos dos recordos

e pon unha pista de patinaxe

nas lagas onde se lavaba a roupa

antes da aparición das lavadoras

cos seus programas de aclarado   centrifugado

antimanchas   prancha fácil   delay timer

 

debería escribir sobre o frío

ese que se nota nas salas mortuorias dos tanatorios

na mirada estrañada dos ciclopes

nos espantallos entre o millo

nos que piden ás portas dos supermercados

e que xa hai tempo que se deron por vencidos

nos traxes que se murchan nas maletas

dos emigrantes retornados

cheas de preguntas e de invernos

 

escribir sobre o frío

para espantar as bufandas a cadros

e os calcetíns de la que zurcen as nais

escribir coma un exorcismo

para derreter a arquitectura do carambelo

que non deixa alzar a voz

nos días que pasan lentos e boca abaixo

 

o frío

o espasmo das engurras

as barcas que podrecen no fondo dos encoros

o veleno da Torre de Babel

Clark Kent agardando nun quirófano

o graínzo sobre as almofadas

a memoria de perfil

desangrándose gota a gota polos costados


o frío

un meteorito estrelándose contra o corazón da terra prometida


                                             Do libro "Nas esquinas do frío", premio Avelina Valladares 2019