martes, 23 de agosto de 2022

tempo de resistir

 

algún día xa non teremos aliados

haberá lanternas que nos busquen acotío

e listas negras e pisadas metálicas

e microchips que coñezan de memoria

os nosos antecedentes penais

o grao de alcohol que levamos nas veas

e os libros non recomendables que temos lido

 

haberá un día en que non sexamos

donos do tempo  

todo estará baixo control

con números de serie

e barras de identificación

dúas e dúas xa non poderán ser cinco

e tentarán roubarnos o futuro

programándoo nun ordenador

 

ese día teremos que buscar a palabra

no mar aberto onde os pendrives

se enferruxen de marusía

onde se amotinen os temoneiros

toleen os compases e se derretan as fragatas

co contacto da pel dunha serea

 

nese día nunha illa

que non figure nos mapas

algún lugar quedará

onde amar e entregarse

aínda non sexa unha ciencia exacta


                             Do libro "Nas esquinas do frío"

No hay comentarios: