martes, 28 de julio de 2020

Conta atrás







10:
Cando o mar  nos deixe en testamento
unha manchea de homes sen raíces
entregados ós ventos furtivos
que ispen a pel das meigas
cando xa non queden peixes nin corais
cando a súa triste inmensidade
non garde os tesouros dos vellos piratas
senón bidóns radioactivos
naufragando co abalo dos ondas
na area, xa contaminada, de calquera praia.

9:
Cando o aire torne irrespirable
de tanto acariñar a cinsa
o lume alampando polos montes
o bafo tóxico das chemineas
borrando o azul do ceo
cando poña un nó de crepúsculos
na mirada das aguias
que descolgan as ás impotentes
ante tanta loucura desatada na chaira.

Daquela a terra berrará
berrará con voz de cántaro.

8:
Cando as cidades sintan vertixe
ó mirarse nos charcos
e  se abracen unhas as outras
para manter en pé as ruínas
dos desaforados rañaceos
cando entre gretas e entullos
non quede solo para que medren
as flores dunha nova primavera.

7:
Cando os humanos  se comporten como robots
encadeados a unha forza superior
que  se lles escapa das mans
falen unha linguaxe incomprensible
e xa non se atopen heroes
que defendan os refuxios
fronte a turbas sen destino.

Daquela a terra berrará
berrará con voz de cántaro.

6:
Cando a natureza agonice
atrapada polas redes do diñeiro
os soños se escagallen coma pedras
na fronteira do desterro
e os cans fuxan desorientados
por carreiros que levan a ningures.

5:
Cando a lembranza sexa pavor
a soidade non teña apelidos
as promesas se afoguen en desertos
un amencer poida ser o derradeiro amencer
sen máis testemuñas que un sol bañado en sangue.

Daquela a terra berrará
berrará con voz de cántaro.

4:
Cando a morte veña fachendosa
a encher os espazos baleiros
e unha paisaxe de sepulturas
faga palidecer á lúa chea.

3:
Cando o ruído do silencio non se ature
cando os ollos se pechen para sempre
orfos e asolagados de bágoas.

Daquela a terra berrará
berrará con voz de cántaro.

2:
Cando o futuro semelle un manto negro
envolto nunha conta atrás sen epílogo.

1:
Cando ti, eu, todos, non sexamos máis que espectros.

Daquela a terra berrará
berrará con voz de cántaro.

Berrará con voz de cántaro.

                      Do poemario "A pel no asfalto", incluido no libro "Zocas e decibelios".

1 comentario:

Alís dijo...


Orixinal maneira de presentarnos esta conta atrás, apocalíptica, aterradora e, lamentablemente, creíble. Espero que non o vexan os nosos ollos, nin os dos nosos fillos, nin...

Gustoume cómo fuches xogando co número de versos nesta conta atrás ata chegar a ese final terrible. E, en medio, ese refrán como unha letanía, como chamado de atención.

Felicítote. Paréceme moi bo poema

Bicos