lunes, 23 de diciembre de 2013

INDIVIDUO SOSPEITOSO EN DOADE

Nun carreiro dos arrabaldes de Doade, non moi lonxe dos socalcos que producen o saboroso viño mencía, foi atopado onte á maña cedo, desorientado e cheo de rabuñaduras, un individuo gordo vestido con ridículo traxe de cor vermella.
Non fala galego, máis si castelán e inglés, e dixo chamarse Papá Noel, aínda que non aportou ningún tipo de documentación.
A súa historia é confusa: dixo que viña de moi lonxe, que traía unha morea de agasallos (así pola cara) e que se perdeu preto da Abeleda. Dixo que viaxaba nun carro tirado por renos e que, por mor da mala sinalización, o exceso de velocidade e o luscofusco, non deu collido unha curva preto da ponte e alá foron, o fondo do Sil, o carro e os cérvidos mentres el saíu despedido contra unha matogueira de toxos. Dixo que, ferido e confuso, botou a andar sen saber cara onde e que se perdeu na aba do monte.
A policía non dá creto a súa versión e máis ben pensa que, dada a súa pinta de borrachín, andaba á procura da adega Regina Viarum coa idea de meterse nela pola noite e trasfegar uns cuartillos de tinto ó bandullo.
Estase á espera de que cheguen uns mergulladores profesionais desde Cangas do Morrazo para ver se atopan algún resto do accidente/naufraxio. Entrementres, o individuo permanece detido nas dependencias da comisaría de Monforte sen ningunha consideración.



5 comentarios:

Chousa da Alcandra dijo...

O individuo será estranxeiro, e viste ridículo de moito carallo pero saber sabe onde se trafegan bos caldos. A ver se o soltan esta noite e demostra que tamén é certo que trae agasallos pola cara...

Feliz Noiteboa, e que tras ela veñan moitas BoasNoites!!

paideleo dijo...

Este individuo ven só pero outro día veñen tres e ademáis con camelos. Iso si que é festa ilegal !.

Zeltia dijo...

Agora entendo polo que non me chegou á miña casa ningún agasallo de Noël.

mariola dijo...

Dame un pouquiuño de mágoa velo nesas condicións.
Simpático o relato.
un bico.

Alís dijo...

Pásame igual que a Zeltia. Agora entendo por qué non recibín agasallo ningún. Que o solten xa!! que aínda teño esperanzas

Un bico