Un
lampo na memoria
un relustro na acordanza
e lembro plantar unha acacia
desoíndo consellos paternos
levantarme moi cedo unha mañá
para ver os campos cubertos de neve
o rito do pan amasado na vella artesa
o latexo hipnótico das brasas
e o olor a empanada saíndo do forno
mentres París o can que xogaba comigo
apañaba faragullas no aire.
A ousadía de ler a Dostoievski
con 10 anos no escano da cociña
ou escribir en quintillas
a historia de España
en folios soltos
que despois lle recitaba á nai
correr entre os penedos do Reboredo
buscando covas e tesouros
a brétema da tarde coma un mundo
de pantasmas desafiando aos outeiros
o bico das fadas
unha eiruga de luz nas ruínas escuras.
Símbolos dos días que se foron
na retina dun neno
que corre ás alancadas cara ó porvir.
Do poemario "Cartografía da infancia", incluído no libro "Zocas e decibelios"
No hay comentarios:
Publicar un comentario