
BALADA TRISTE DE TROMPETA:
Para algúns será unha peli redonda para outros un experimento fallido. Gustará e desgustará a partes iguais e directamente proporcionais porque Alex de la Iglesia é así: un director persoal e controvertido que non deixa indiferente.
A pesares de ter os seus altibaixos, de secuencias que non veñen a conto (o motorista voador por exemplo), de Carolina Bang (bastante limitada como actriz), pasei un rato do mais entretido na butaca.
Delirante, colorista, graciosa, alegórica, macabra, violenta, a risa que se transforma en espanto, personaxes deliberadamente esaxerados ata o absurdo e o grotesco, irreverente, inclasificable e polo tanto indefinible. Alex de la Iglesia en estado puro.

TAMBIEN LA LLUVIA:
Esperaba máis de Iciar Bollaín por ser a directora das estupendas “Flores de otro mundo” e “Te doy mis ojos”; e esperaba máis de Luís Tosar, que está ben pero lonxe das grandes interpretacións as que nos ten acostumados.
Un equipo de cine chega a Cochabamba (Bolivia) para rodar un filme sobre a figura de Cristóbal Colón e a represión dos indíxenas. O pouco estalla un conflicto pola privatización da auga que pon en perigo a finalización da rodaxe.
Cine social, de denuncia, non en van o guionista é Paúl Laverty, asiduo colaborador de Ken Loach. Dúas crónicas con 500 anos de diferencia. Antes o ouro, agora a auga. Os indíxenas loitando por sobrevivir co pouco que teñen. Enfronte a mesma brutalidade, a mesma inxustiza, sempre os mesmos no poder.
Pero a emoción non logra traspasar a pantalla, unha frialdade parece enchoupar os fotogramas, un non se acaba de crer de todo a historia que semella plana, lineal; quizais a peregrinaxe polas distintas épocas (unha película dentro doutra, cine dentro do cine) non axuda. Hai diálogos algo forzados, personaxes pouco debuxados que rematan por ser superficiais, e un final politicamente acertado pero claramente mellorable.
A película é correcta, entretén, pero saín do cine coa sensación de que se lle podía haber sacado mais partido.