coñecéronse en tempos difíciles
fuxindo das esquinas do frío
nada tiñan en común
teoricamente non había porvir
naqueles paseos collidos da man polo parque
naqueles bicos
con sabor a menta e inocencia
soaban Los Secretos
na radiocasete do coche
mentres descubrían territorios prohibidos
el era
poñamos por caso
dun barrio chic da capital do reino
e ela
un supoñer
dalgunha aldea perdida de Ourense
demasiada terra de ninguén
entre os dous
as diferenzas de clase
e ideolóxicas eran unha eiva
os augurios non vaticinaban nada bo
a vella pitonisa díxolles
que non daba un peso por eles
na bóla de cristal tan só medraban tormentas
eran tan distintos que o futuro
pintaba negro coma tobeira de lobos
eran tan inxenuos que
contra todo prognóstico
pensaron que podía funcionar
pasaron os anos e seguen xuntos
son moderadamente felices
Do libro "Nas esquinas do frío"