domingo, 25 de abril de 2010

CRAVOS REVOLUCIONARIOS


Houbo un día en que os aires de liberdade sopraron en Portugal.
Houbo un día en que un raio de esperanza rachou o vello “Estado Novo” do dictador Salazar.
Tal día como hoxe, no 74, Portugal esperta dun pesadelo e toma conciencia de si mesmo. Unha canción foi o sinal para que a historia cambiara de rumbo, a revolución se fixera romántica, e rúas e prazas se enchouparan de feitizo. E abril foi un mes de esquerdas e brindouse con fado e vinho verde.
Nunca antes un pobo bailou tan a gusto cos militares sublevados.
Xamais a poesía foi tan amiga dos uniformes.
Xamais os caraveis confraternizaron tanto con fusiles.
Ben está lembralo.

...

jueves, 15 de abril de 2010

SEGUIMOS TOCANDO FONDO


Estas sombras como refuxio para os que xa non temos nada que agochar.
Esta primavera con prognósticos de gastroenterite e hipertensión.
Esta partida de póker cun proxecto fracasado de escaleira.
Este xoves que se arrastra como un luns co degusto amargo dos martes.
Esta manía de nadar a contracorrente, ser carne de canón, ter ganas de nada, pórlle portas ó campo, codificar os soños.
Esta mitoloxía de rancores, esta intoxicación de soidade, estas armas de dobre fío, este teléfono mudo, este xamais, este despois.
..

martes, 6 de abril de 2010

TOCANDO FONDO


Estes ollos que tentan descifrar o futuro cando nin tan sequera os espellos nos devolven a mirada.
Esta boca que nos momentos importantes da vida xamais atopa as verbas adecuadas.
Estes pulmóns abafados polo recordo do fume de tantos cigarros negros.
Este fígado que encaixa mal os golpes baixos da vida e ben os licores altos de graduación.
Estas mans que escriben a crónica dos perdedores coa tinta gastada que deixan as derrotas.
Estas pernas que se obstinan en seguir pegadas que dan rodeos para chegar a ningures.
Este corazón canso cun contaquilómetros trucado nun taller de dubidosa reputación.