Non berredes mais, irmáns, non berredes, que o asfalto zugaravos ata os miolos. Lenta pero sen pausa a cada golpe seredes mais pequenos, a couza irá esmigallándovos a materia ata que desapareza polas gretas e fisgas deste imperio porcallento. Monicreques dun castelo de naipes, autómatas nun mundo sen alma, deixaredes anacos de vida en cada recuncho, na pel das baldosas, á beira das luces de neon e o monóxido de carbono, beberedes fume e po para cuspilo despois trousando noxo pola boca. As eirugas de metal esmagarán os corpos coas poutas enchidas de veleno. Os diaños do tixolo saltaranvos enriba para chuchar a derradeira gota de sangue. Non busquedes aliados. Non os hai. Ninguén estará o voso lado. Quedaredes á mercé do universo por vos mesmos creado. Non , non hai piedade entre o cemento e o bruído; non hai lugar para a súplica e a esperanza. Os brazos ensanguentados, sanguinolentos, emerxerán enarborando bandeiras rotas entre treboadas de morte e destrucción. Manarán os ollos regueiros de bágoas que xa nada valen, buscando entre saloucos a luz infinda. Xa non haberá tempo. Non haberá tempo para esconderse. Non haberá tempo para escapar. Non haberá tempo para volver atrás. O último paso xa foi dado e con el a entrada no abismo. E non berredes, irmáns, non berredes, que non hai piedade entre o asfalto.
Cadro: El grito de Edvard Munch (1863-1944).
13 comentarios:
este ano estiven no museo Munch e tíñan unha das versións gardadas entre alarmas e vidros. nunca pensei que un berro puidese ser encaixado, e máis se é tan espectacular. un bico
Todo iso poderimos berrar, mais aínda conservamos unha pinga de esperanza agochada nunha fenda deste asfalto.
Encantoume este texto tan ben acaido ao cadro, Allen Ginsberg tamén gustaría del. Unha aperta.
Concordo coa doutora seymour... aínda fica esperanza!! Ou iso haberá que crer con cada paso que damos. Moi bo, Raposo ;)
Gustoume moito Raposo.Como din por aquí moi ben "berrado"¡¡¡ Pero concordo con iso de que a esperanza aínda existe. Polo menos eu quero pensalo así.Un bico
Si, como dí a Doutora, Allen Gingsberg gostaría do teu poema, invitaríate a uns güisquis ás aforas do día, nas sombras da cidade, e tentaría en convencerte de levar a cabo un magnicidio estudiando detidamente os movementos e mai-lo aparello arma-na-manga que Robert De Niro plega e desplega fitando o televisor e preguntándolle desafiante á imaxe do presidente dos Estados Unidos: estás a falarme a min?
Osondaxordeira: por moito que o encerren, o berro oirase ceibe.
Doutora seymour, patrieira, rosa enríquez: Vale, oxalá quede algo de esperanza no medio da desfeita; sendo así aceptarei eses güisquis con Gingsberg, ekis1331,sen xelo, por suposto.
pois tamen eu quixera pensar que hai algunha esperanza. Este berro ten unha potencia que, cada vez que o atopo diante dos ollos, sinto o mesmo medo na alma.
Veume acabeza aquelo de Ibañez Menta, que é tragado por un furado do asfalto, e acaba sin forza nin pra berrar siquera, canso, e resignado. Saludos
Describes perfectamente o que é unha caravana das que pillas nestes días na carreteira. Non importa que ti non queras ir a praia, a caravana pillala igual. Dan gañas de facer como o cuadro de Munch, berrar.
Torredababel: O cadro dende logo é un dos mais impactantes que teño visto.
suso lista: agora que o dices lembro un relato corto dun escritor español (esquecín o nome) que trataba o mesmo tema: un home que o final acaba sendo tragado polo asfalto.
Zebedeo: As caravanas! Sobre esto tamén poderías escribir un post dos teus.
Non berrarei...gustei
Adoro este cadro.
Saúdos!
Who knows where to download XRumer 5.0 Palladium?
Help, please. All recommend this program to effectively advertise on the Internet, this is the best program!
Publicar un comentario