miércoles, 5 de agosto de 2009

MARILYN


Houbo un tempo no que o mundo xiraba o redor do lunar que Marilyn tiña na meixela esquerda; nunca un punto tan pequerrecho exerceu tanta fascinación.
Daquela Os cabaleiros preferíanas rubias e esa nena que algunha vez fora Norma Jean e agora era (e xa para sempre) a diva Marilyn deixábase querer Con faldras e o tolo.
Atrás quedaba un pasado escuro, unha familia rota (nai alcohólica, esquizofrénica, pai descoñecido), un camiño de casas de adopción, demasiada Néboa na alma. A infancia non a tratou ben pero a cambio os anos déronlle unhas medidas de infarto, unha sensualidade explosiva, unha beleza sideral. O que empezou como o soño erótico dos camioneiros americanos que levaban a súa foto pendurada na cabina, rematou sendo un dos mais grandes iconos do século XX.
Ela que sabía Como casarse con un millonario casouse cun empregado irlandés, cun xogador de béisbol e cun escritor, e os tres matrimonios foron un fracaso. Din que con 8 anos o caseiro quixo violala (porque ese bruto xa intuía daquela que A tentación vive arriba) e que ese feito traumatizouna de por vida. Demasiados homes sen escrúpulos percorreron a súa pel e deixaron lascivia e cicatrices sen curar nesa rubia desvalida.
Cando en 1953 puxo as súas pegadas no cemento da entrada de Hollywood Boulevard quizais pensou que as Luces das candeas que a rodeaban taparían as feridas desa Vida rebelde, desa adolescencia desgarrada e triste. Pero o pasado non é un Río sen retorno, nunca se vai de todo, e A xungla de asfalto e de glamour non puido facer esquecer os anos grises que volvían como un Niágara violento, como unha fervenza atronadora.
“Non quero que me comprendan. Quero que me queiran”, dixo nunha ocasión. Quizais por eso pese a fama, o diñeiro, a admiración, as amizades famosas, os coqueteos Jhon F. Kennedy (O príncipe e a corista fronte a fronte), pese a ter o mundo os seus pes, Marilyn seguía sendo unha nena fráxil e desamparada, cada vez mais perdida nos remuíños da depresión, cada vez mais dependente dos barbitúricos nas súas crises emocionais.
Ata esa madrugada na súa casa de Brentwood, o 5 de agosto de 1962, en que lle sorriu o Nembutal e se deixou ir, espida e soa, e cun teléfono descolgado balanceándose inutilmente o lado da cama, o derradeiro intento dunha chamada de socorro que ninguén chegou a escoitar.




Algúns falaron de asasinato, de conspiración: demasiadas incógnitas que descifrar nesa noite, unha autopsia con moitos puntos escuros, o FBI borrando as cintas das súas chamadas telefónicas, o clan Kennedy polo medio, todos moi interesados en botarlle terra o asunto canto antes. O halo de misterio non fixo senón engrandecer a súa figura.

Estas fotos foron tomadas polo fotógrafo Bert Stern poucos días antes da morte da actriz. Nelas sae con ese costurón, resultado dunha recente operación de vesícula. Xamais Marilyn, a deusa, ofrecera unha imaxe mais a ras de terra, mais tenra, mais humana.
.

18 comentarios:

Carlos Sousa dijo...

Bonito repaso, aproveitando os título das súas películas.
Un caso máis de que a fama ten o seu precio, e se aínda pro riba é con eses precedentes, ó final pode chegar a ser predecible. Cantos se arriman e intentan sacar proveito cando alguén está arriba, e despóis...

Un saúdo raposo, coidado coa rubias...

Shucran dijo...

Era unha diva, a muller coa que moitas persoas soñaban, pero tan humana como os demais. Supoño que a fama termina por facerlle dano a persoas que xa teñen conflitos consigo mesmas, e e ademais se lle engade a falta de escrúpulos de quen a rodea...

Saúdos!

vermella dijo...

Coñecía moitos dos detalle que contas e sempre me pareceu unha muller demasiado sensible para ser tan fermosa,preciosa homenaxe que lle fas xogando cos títulos da súa "vida".....
bicos

Chousa da Alcandra dijo...

Marilyn era moita Marilyn.
En todo caso, polo pouco que sei da sua vida, teño a impresión de que non atopou nunca o acougo que buscaba. Cecais a beleza que transmitía non foi quen de aportarlle a ela o gurrucho de paz interior que todos precisamos, ainda que sexa por anacos...

Remítomo ao consello de Sousa: olliño coas rubias e moito tino coas morenas. Todas son perigosas!!!!

Artabria dijo...

Menuda homenaxe lle acabas de facer!!!

Barreira dijo...

Eu sempre pensei que pasaría con Marilyn hoxe en dia. E coido que non sería o icono que foi no seu tempo.
Non quero dicir que morrer xove sea algo aconsellable nin desexable, pero sí é certo que unha morte pronta fai que o icono se manteña tal cual e para sempre. Por sorte para seus herdeiros.
Saudos.

Mer dijo...

Moi bo tributo.
Por aquí sígovos lendo aínda que non sempre comente.

Bicos

Ra dijo...

Siempre echo de menos una foto de Marilyn, y mire que son todas preciosas.

Un día se la mando si quiere.

Mua.

Xan dijo...

Marilyn foi unha moneca rota como moitas máis dunha sociedade do consumo, que devora seres humans para convertilos en mitos despois de destrozalos e seguer así obtendo beneficios.
Un saúdo

Anónimo dijo...

O pasado nunca queda atrás, un nada que te descoides e vólve a estar ao teu carón.

Manuel L. Rodrigues dijo...

"Con faldas e ao tolo"; sen dúbida; o seu mellor filme.

aishhh!!

Ricardo Arias dijo...

Hai unha conversa dela con Truman Capote recollida en "Música para camaleóns", a piques de casar con Arthur Miller, que retrata a unha nena grande asustada do mundo e procurando apenas un refuxio, apenas un anaco de felicidade.
É unha conversa deliciosa e, para min, o mellor retrato que nunca se fixo desta muller

paidovento dijo...

Moi orixinal o post sobre un auténtico mito. Non sabía o da "costura", pero para ser en 1962, deixáronlla bastante discreta.

Mr Tichborne dijo...

Aínda máis fermosa con esa cicatriz, se cabe...
Hoxe nos estudos de cine rexeitaríana, por gorda.
Fermosa homenaxe.

zeltia dijo...

Un tributo a unha personaxe (da persona non sabemos moito) a quen todos admiramos e compadecemos á vez. Cando a vida reparte as cartas rara vez unha persoa leva todos os trunfos.
E eu tamén a vexo así coma dis tí: fraxil e sola a pesares de ter milleiros de admiradores.

moi ben, coa filmografía; esas fotos que eu non coñecía coa cicatriz...
gustoume.

Doutora Seymour dijo...

Os seres humanos como Marilyn levan ás costas moitas das nosas cicatrices. Quizais é por iso que nos namoran.

Mariola dijo...

Canta verdade xunta...

A. Doinel dijo...

Esas fotos tan lindas y tan descubiertas las vi por primera vez en un "Daguerrotipo" amplio que le dedicó Manuel Vicent en El Semanal de El País de no sé hace cuánto tiempo a nuestra Marilyn (con su permiso).
... y sigue siendo preciosa