miércoles, 4 de agosto de 2010

A TODA VELA


Soñas co mar
como cunha profecía de antigos tempos.
Sóñalo mentres imaxinas
que viaxas a países máxicos
e a praias de fina area.
Tamén a ti, navegante,
te espera Ítaca;
tamén ti desexas unha Penélope
pensativa, fermosa,
envolta no seu mundo
de agullas e manteis.
Todos queremos chegar
a Illa do Tesouro
e ser Jim Hawkins,
neno entre piratas rudos,
heroe de barco e da tenrura.
Buscamos a liberdade en alta mar
e o vento salgado na cara,
ser temoneiro do destino,
o horizonte enchendo os ollos
e navegar e navegar.
E que o mar bravo non fenda
o cristal dos barómetros,
que o proa enfile sempre
a rota escrita nas estrelas,
a bandeira ondeando no mastro,
ron para a viaxe
e as noites ateigadas de lúa.
E chegar así
e espertar así
un amencer calquera
en Ítaca, na praia soñada,
á beira do tesouro,
e esquecer por uns intres
que fóra está o fume, o desacougo, a resaca,
os atascos, as alertas vermellas,
o ruído insoportable, o asfalto
e quilómetros e quilómetros de autoestrada
.

12 comentarios:

Xan dijo...

Todos soñamos con todo iso e ata nos conformamos con moito menos.
Un saúdo

Paz Zeltia dijo...

"ser temoneiro do destino,
o horizonte enchendo os ollos
e navegar e navegar"

Para min estes versos xa encerran a filosofía miña ante a vida.

Pero xa... chegar a eses últimos versos...

"E chegar así
e espertar así
un amencer calquera
en Ítaca, na praia soñada,
á beira do tesouro,"

:)

Bolboreteira dijo...

Si! Eu tamén soño con todo iso....síntome moi identificada con estes versos.
Bicos raposo

Chousa da Alcandra dijo...

Ostiá; non me decatara de que eu, no fondo, tamén quero ser mariñeiro (incluso me conformaría con ser polizón).
Saúdos dende o asfalto

Maribel-bel dijo...

Mar, horizontes, navegar...palabras liberadoras que na túa escrita fanse grandes e esperanzadoras. Gústame cando dis o amor. Bicos

LM dijo...

"Sóñalo mentres imaxinas
que viaxas a países máxicos
e a praias de fina area."
gostava de conhecer esse país mágico...
beijos

A nena do paraugas dijo...

Moito me gustou isto que escribiches.

Sen máis comentarios!

Un saúdo.

Sun Iou Miou dijo...

Eu xuraría que xa deixara aquí un comentario hai días. Menos mal que no creo en xuramentos!

Ai se se puidese esquecer por sempre! Navegar transmite unha sensación de paz (fora os temporais, claro) e humildade inmensas. A desgraza que teño é que ata nun bambán me mareo...

Anónimo dijo...

( 04-04-07 )

"As miñas verbas escachan sempre contra das rochas mariñas. Xa non hai máis sangue que sangrar. Como as cabezas dos percebeiros, batendo xa mortos, e pendurados da corda enganchada, de cada malleira de mar"

Tralécxe

hormiga dijo...

pois que te fagas vello e viaxes moito non vai unido a que cando chegues a Itaca sexas sabio. Por qué esa manía de unir vellez con sabiduria? Eu prefiro quedarme coa illa do tesouro e os piratas borrachos antes que ir a Itaca. Porque ir a Itaca é voltar ó fogar, a Penelope cosendo e volver a todas esas convencións que nos transmite a cultura, incluido Kavafis neste poema tan famoso.

xenevra dijo...

E esquecer por un intre... mentres me deleito nos teus marabillosos versos que saben a Manuel Antonio, a Turner, a Espronceda, a romanticismo decimonónico.

Fico enganchada nos teus versos!!

Sarampelo dijo...

Son mariño mercante.Raposo naveguei por catro continentes. Falas dun país máxico, eu penso que o atopei xa fai tempo, quédome con Namibia polo seu encanto, polas súa praias, pola súa xente nativa que son moi acolledores. Se pidera alí pasaría o fin da miña vida.
Lémbrasme a o noso grande poeta-mariño Manuel Antonio "Fumos ficando sós, O mar o barco e máis nós. As nosas soedades veñen de tan lonxe como as horas do reloxe."
Saúdos Raposo.