viernes, 1 de julio de 2011

Por fin é venres

O venres ten a pel húmida
de choiva e despedidas,
de olladas de treboada e loucura,
de remuíños de xeo con ron.
O venres ten un certo sabor a raia medianeira,
a fotografías mergulladas no esquecemento,
a palabras aboiando
entre neón, fume e xiringas.
Nas noites dos venres búscame
nas barras dos bares,
nas esquinas onde a cidade
é un brinco o baleiro,
nos ollos que espreitan
o retorno dos anxos,
nun estreito WC fora de servicio,
nos portais onde ule a femia
e a bicos de cinza e alcohol.
E beber o último grolo con calquera,
e ser un cómplice máis da troula nocturna,
e dicir amigo, cubata, alento,
orgullo, desexo, taberna, madrugada....
e esperar o amencer.

6 comentarios:

A nena do paraugas dijo...

E non soamente venres. Tamén xoves (aínda que menos) e sábados. Sobre todo sábados.
Hao tempo que non teño estas febres estrañas de fin de semana.

Magdalena Malungo dijo...

Ala imos VENRES!

Kaplan dijo...

Supoño que, como da feira, cada un fala do venres segundo como lle foi nel. Para min venres e sábados son normalmente de cor azul claro; os domingos son indefectiblemente amarelos en Verán e grises en Inverno

A cruz da Campá dijo...

O venres é un bó día e a noite, sobre todo no veran, o millor momento; anque sen dubidas eu cambio o ron pola ginebra, un bó gin-tonic acompañado de jazz, menudo plan.

zeltia dijo...

sabe que?
deume un arrepío ler o que escribiu (moi ben escrito)
e que... tantas noites esprimindo a casca dun limón que xa non da para máis...
tiña tanta gana de que os días se volvesen azuis, como di kaplan
---
non vou negar que aínda por días sinto a chamada do wild side
pero non,
graciñas,
non.

Seymour dijo...

Raposo, non perde vostede as mañas. Non as perda. Aínda que ultimamente non pase moito por ningures, eu non o perdo de vista.
Invisible.
Pero estou.

(Bico)