jueves, 7 de noviembre de 2013

PREMIO "LEIRAS PULPEIRO": CICATRICES DO INSOMNIO, I


En novembro do 2012, o xurado do I Premio de Poesía “Manuel Leiras Pulpeiro”, convocado polo Concello de Mondoñedo, tivo a ben agasallarme co 2º premio pola obra que presentei baixo o título “Cicatrices do insomnio”.
Trátase dun conxunto de 6 poemas que xurdiron de certa noites de insomnio vigués, e que vou ir deixando aquí, na cova, pouco a pouco.
Este é o primeiro:


MENTRES OS DEMAIS DORMEN
De que vale o insomnio mentres medra a dor nesta terra queimada.
De que serve facer prognósticos sobre o tempo,
a densidade do tráfico, a prima de risco,
se en Wall Street os bicos cotizan á baixa
e a roupa interior de Scarlett Johansson
non ten cabida nas deliberacións dos Consellos de Ministros.
De que serve este exilio de trens que non dan chegado,
esta cidade arroutada que baralla
as derradeiras posibilidades para salvarse do colapso,
se as nubes disputan con cipreses os pasos fronteirizos do ceo
e os pactos co diaño non teñen valor legal
agora que estamos perdidos a meses luz de calquera bar.
De que serve a espada que xa non se lembra das gloriosas batallas,
o alcohol que se nos sobe ós pés.
De que serve o orballo no medio de Macondo,
un abanico no incendio de Alexandría.
De que serve o calendario se as andoriñas emigran,
se a tose regresa, se non lembro as onomásticas
e ninguén pon remedio ó cambio climático.
De que serven as présas, os cristais esmagados, o jazz,
as bandeiras nos tellados da penuria,
o musgo apagando o son dos tambores,
escribir para un tempo de escuras moléculas,
rematar o encrucillado,
de que serve o azar nun corazón hipotecado a xuro fixo.
De que serve ser estatua na tormenta,
maldición nos velorios,
cryptonita atrapada na caixa forte dun cuarto de baño,
este desexo de dislocar cordilleiras,
esta ferida sangrando no costado.
De que serve coleccionar fotografías en branco e negro,
descifrar a memoria dos peixes,
apertar o gatillo, disparar cara a dentro.
De que vale este insomnio.

6 comentarios:

Alís dijo...

Mellor non pensar na utilidade das cousas para poder disfrutar delas, sobre todo no caso do insomnio.

Gustoume moito este primeiro poema. Xa teño ganas de ler os que faltan.

Unha aperta

Mr Tichborne dijo...

Parabéns polo premio e polo poema. Unha nova fantástica! Agardamos máis versos raposeiros.

Maribel-bel dijo...

Felicitacións. Sirve o insomnio para crear, componer fermosos versos calmantes. Cansan as repetidas e reiteradas voltas,sen comprender onde están os espazos soñados,onde os refuxios, onde a revolución das verbas de cores.Unha aperta..

mariola dijo...

Noraboa por este premio.
Quzais este insomnio serviu para disparar cara adentro, para agasallarnos con versos profundos que serven para facernos reflexionar.
bicos!

Zeltia dijo...

Non tiven ocasión de felicitarte polo premio recibido:
Parabéns!

terei logo ocaisón de ir debullando eses versos, coma outros que che lin. Pero se vexo o poemario nunha libraría, mercareino para que mo dediques.

Raposo dijo...

Grazas a todos/as.

Zeltia: ese poemario polo momento non está publicado. O que si acaba de publicarse é outro traballo que gañou o premio de poesía "Victoriano Taibo 2013. En breve falarei del na cova.
Apertas.