viernes, 14 de febrero de 2014

CREBACABEZAS

Anxos brincando polas rodeiras do tempo
á procura de vagalumes.
Un poeta desterrado está a piques
de descifrar no peitoril da xanela
a ecuación do porvir.
Na alfándega segue retido
un vello gramófono, sospeitoso
de facer soar as folerpas de neve.
O medo é unha píntega
camuflada no luscofusco.
Nun cambio de rasante
da vía rápida do Morrazo
chocan un fóra borda do narcotráfico
e unha limusina.
A colisión é brutal:
restos de carmín e estalactitas na calzada.
O doutor Gil Grissom * olla a escena,
perplexo e desconfiado.
As pezas non encaixan.

Do libro "Territorios estraños", VI Premio de Poesía Victoriano Taibo




* Supervisor na serie CSI Las Vegas

3 comentarios:

Chousa da Alcandra dijo...

Hai moito traficante en limusina que non debería encaixar nestes territorios estraños nos que vivimos...

Zeltia dijo...

"O medo é unha píntega
camuflada no luscofusco"

(gústame moito esa imaxe)

Concha L. F. dijo...

"Na alfándega segue retido
un vello gramófono, sospeitoso
de facer soar as folerpas de neve"...

Cando sexa grande, gustaríame saber escribir así...

Bicos a moreas.