lunes, 18 de enero de 2016

AXUSTE DE CONTAS

Como un golpe de mar
na metade da fronte,
como un golpe de mar
cando os mariños poñen rumbo
ó corazón da noiteboa.
Polos meus ollos voaron bolboretas azuis
que despois se desfacían
contra as hélices dos avións
que sucaban o ceo encapotado do futuro.
Unha fumareda envolve os dedos
das malditas madrugadas
nun axuste de contas comigo mesmo.
A infancia saloucando polas congostras,
a infancia convertida en cinzas, 
coma o cadáver dun animal
sacrificado no lume dos antigos deuses,
cando os reis magos 
non puideron  chegar a tempo
porque trabucaron o camiño
e acabaron indocumentados
delirando en calquera comisaría,
e a carón do presebe 
só queda o recendo da morriña,
do que puido ser e non foi,
e un cartel  na porta
de “Pechado por reformas”.

(Este poema foi premiado no Certame Literario Revista A Pipa 2015 da Alta Montaña Luguesa, Becerreá)


3 comentarios:

paideleo dijo...

É de premio, si.

Paz Zeltia dijo...

As reformas, os máis das veces, serven para mellorar. Ou con esa intención se fan.

Hai algunhas imaxes no poema que me gustan moito, como esa infancia saloucando polas congostras. E esta temática é moi túa. Está nel a túa voz. Noraboa polo recoñecemento co premio.


Raposo dijo...

Grazas, Paideleo e Zeltia.