viernes, 24 de mayo de 2019

Malos tempos



Malos tempos
para medrar tan amodo.

Espertas e atopas este barullo
de formigón e automóbiles
este cárcere de neon que agachou
a herba, a alquimia dun sorriso
entre tanto monóxido de carbono.

O medo alampa polas rúas
Magnuns-45 acubíllanse na cintura
hai flores de plástico radioactivo
e avións supersónicos sementando
un cheirume a morte no serán
dun ceo contaminado.

Espertas e descobres
que a realidade só vive
nas tarxetas de crédito
e que as portas dun videoclub
dan sen rodeos no inferno.

Esmorece a cidade no espello
retrovisor dun coche suicida.

Hai corpos que se cinguen
a fíos de sangue
condenados que agardan
a orde derradeira
animais en extinción
telelixo
louras cibernéticas
e só trinta mortos
na operación saída.

Espertas e preguntas
que está a pasar aquí.
Síntoo: son malos tempos
para medrar tan amodo.

                       Do poemario "A pel no asfalto", incluído no libro "Zocas e decibelios".

martes, 14 de mayo de 2019

Ós antigos deuses



Ós antigos deuses
non lles faledes
destas frías metrópoles
onde camiñar é utopía
e a palabra unha maquillaxe
deste vivir sen alento
á beira dos mares contaminados
dos mísiles apuntando
ó centro da nosa soidade
de boy-scouts e comida requentada.

Ós antigos deuses
non lles faledes
do engano do dólar, o despacho
o aumento de soldo
as feridas da capa de ozono
o desexo a prazo fixo
a ameaza rabuñando nos cristais
o tiro na caluga
a cobiza negociando nos mercados
co día a día dos homes.

Ós antigos deuses
deixádeos no seu mundo
de feitizos e fogueiras
preto das submisas tribos
que lles gaban as fazañas
non lles mostredes o futuro
por eles inventado
este absurdo lugar
de loucuras e vertixes
chamado século XXI.

                               Do poemario "A pel no asfalto, incluído no libro "Zocas e decibelios"