martes, 19 de diciembre de 2006

Heroes á beira


Heroes con promesas de autoestradas
e de agullas hipodérmicas.

Heroes que emerxen de noxentos
sumidoiros fumando “Lucky Strike”
e din que son americanos orixinais.

Heroes bébedos de Bacardí con Coca-Cola
e cicatrices de asfalto polos beizos
e mans batuxadas de marxinación,
doutoradas na lei das navallas.

Heroes de garaxe e acelerador,
chapas dos Rolling Stones e coiro negro,
que fan o amor nos asentos traseiros
de coches que fuxen a 200 km/h.

Heroes esquecidos, fillos dun billar
e dunha estación do metro,
perdedores a miúdo no xogo da vida,
hóspedes de cuartos poeirentos
sen máis equipaxe ca derrota
e un silencio pendurado a cotío da ollada.

Heroes á beira da cidade,
á beira do olvido,
á beira da morte.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Interesante. É coma unha canción.

X dijo...

Ao final o importante non era ser un heroe?
Concordo con náufrago en que ten moito de canción, mesmo podería poñerlle algunhas músicas, músicas de estradas atravesando longos desertos americanos, músicas de bares onde o country sae dun micro de sons distorsionados, ruídos ao outro lado da parede dun motel poeirento, o son dunha botella de alcol barato escachando contra o chan.
Por suposto que hei volver, os comentarios eran meus.

Raposo dijo...

Grazas X, eu non o podería describir mellor.