lunes, 11 de diciembre de 2006

ÓS ANTIGOS DEUSES

Ós antigos deuses
non lles faledes
destas frías metrópoles
onde camiñar e utopía
e a palabra unha maquillaxe,
deste vivir sen alento
á beira dos mares contaminados,
dos mísiles apuntando
ó centro da nosa soidade,
de boy-scouts e comida requentada.

Ós antigos deuses
non lles faledes
do engano do dólar, o despacho,
o aumento de soldo,
as feridas da capa de ozono,
o desexo a prazo fixo,
a ameaza rabuñando nos cristais,
o tiro na caluga,
a cobiza negociando nos mercados
co día a día dos homes.

Ós antigos deuses
deixádeos, deixádeos no soño
de tigres e fogueiras
preto das submisas tribos
que loubas as súas fazañas;
non lles mostredes o futuro
por eles inventado,
este absurdo lugar
de loucuras e vertixes
chamado SÉCULO XXI.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

pois eu gostei muito deste. dedoscomovermes.

Anónimo dijo...

Os antigos deuses poderíannos ter salvado, pero foron egoístas e preferiron vernos esmorecer.

Raposo dijo...

Certo, moi certo.