Quizais sexa este vento quen me arrastra
á beira do absurdo e do abismo
e non saber que fago aquí,
porqué sigo pisando sen rumbo,
que memoria me mantén suxeito
a este lume, esta batalla,
este labirinto de beirarrúas.
Pouco importa co desexo
teña nomes e apelidos,
que berre e contesten nalgures,
que esta loita atafanada de futuro
vaia máis alá do tráfico
e do bulebule desta cidade,
da deprimente oficina
ou das tardes inútiles.
O final todo o que queda
son imaxes enxauladas
no flash da derrota,
rostros que nada saben da tenrura,
un pasado do que volto
coas alforxas baleiras
e un sabor de pirámide que fuxe
para sempre dos meus beizos.
Nesta cova atoparás un territorio rebelde e libre de impostos. Para entrar non se piden referencias nin curriculum; non hai que pagar peaxe; non se precisa traxe de etiqueta nin gravata. Somentes un espírito aberto e tolerante. Pasa, non te quedes na porta.
domingo, 28 de enero de 2007
lunes, 22 de enero de 2007
Seguir escribindo

Cando o pensamento que debullemos
teña catorce nós que poñan freo ó recordo,
a ese recordo que procura o recendo da esmorga,
dos veráns máxicos, das cancións antigas,
e rexeita as palabras murchas, baleiras,
e os anxos afastados do paraíso.
Cando ó chegar á encrucillada
non se poida apagar un berro
e os noctámbulos anden a toa porque perderon
o derradeiro autobús a terra firme
e só lles queda como recurso po e camiño.
Cando un tiro a queimarroupa
estrague a liberdade de calquera sábado
para máis tarde na soidade do teléfono
atopar tremores agachados á beira dos ollos,
razóns para vestirse de negro
e que os raposos e as gaivotas
tamén teñen tristura na ollada.
Cando a longa barra dun bar amósenos
que un borracho pode abafar nun pedestal
mentres unha rúa sen fin lévao ata a súa infancia,
a súa infancia que ten algo de fronteira
e algo de follaxe perdida
e algo máis.
Cando fiquen caladas tódalas radios,
cando se rebelen os reloxos,
cando non queden illas desertas onde esconderse
nin vellos planos sinalando tesouros agachados,
cando o norte xa non exista,
non terá sentido seguir escribindo
e racharei en mil anacos este poema.
domingo, 7 de enero de 2007
BAIXO A CHOIVA

lunes, 1 de enero de 2007
BALANCE PROVISIONAL

Doomsday. Jorge Luis Borges
Agora que sinto o peito
burbullando de paixón,
que podo berrar sen medo
a que rachen as estrelas,
que a conta bancaria bota fume
polas fendas dos caixeiros,
que aínda teño resaca,
trala trasfega da noite,
mais tamén propósito de enmenda;
agora que busco a liberdade
que nos negaron os mitos,
as axencias de viaxe,
a Coca-Cola e a televisión;
agora que atopei
un CD perdido de Milladoiro;
agora que ata a miña pel cansada
chegou o recendo a marusía;
agora que xa teño risa, fe, orgullo,
un feixe de raíces célticas,
sentimentos sen segredos,
un latexo que ven de moi lonxe
e algunhas outras ilusións;
agora, hoxe, a primeiros de ano,
tento que o meu saldo sexa positivo.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)