Hai unha choiva que afunde os castelos,
muros de tixolos que esmagan
ós carballos teimosos do horizonte,
un mundo de panxoliñas e lareiras
onde agora medran antenas e parafusos.
Hai un desorde de vagalumes
máis alá do tempo e do solpor,
máis alá da carne e dos aramios.
Hai un iceberg que fixa o límite
para esta catedral de areas movedizas.
Hai fachos que tecen e destecen
o noso alento, sandalias que buscan
esquecidas follas de outono
como o amencer busca o orballo,
unha frase feita pomba na parede,
unha liberdade que gatea polas canelas,
polo ventre, ata a fronte.
O demais é baleiro,
o demais é silencio.
Nesta cova atoparás un territorio rebelde e libre de impostos. Para entrar non se piden referencias nin curriculum; non hai que pagar peaxe; non se precisa traxe de etiqueta nin gravata. Somentes un espírito aberto e tolerante. Pasa, non te quedes na porta.
viernes, 30 de marzo de 2007
miércoles, 7 de marzo de 2007
TES DÚBIDAS, LOGO QUIZAIS EXISTAS

Bate co puño nas paredes
bebe ron ata sentir vertixe,
lamenta que a moza te abandonara
entre os decibelios dunha noite de sábado.
Conta polos soportais a túa condena,
a teima de ir dando pasos en falso
e de perder sempre o póquer
e comproba como se paran os viandantes.
Camiña co xesto fendido polas rúas
e fíxate como enmudecen os farois.
Faite notar, pelexa, cuspe, maldice,
deixa que te firan, que te nomeen.
Aínda así non poderás dicir que estás vivo
e terás dúbidas o fita-la vista no espello.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)