lunes, 5 de octubre de 2009

WESTER V: CENTAUROS DO DESERTO


Para Steven Spielberg esta é “a mellor película da historia” e de cine este señor debe saber algo. Agora ben, habería que preguntarse en que condicións etílicas estaba o director de Indiana Jones cando fixo tal afirmación porque doutra maneira non se entende.
Certo é que moitas persoas considérana un dos cumios do wester pero para min está sobrevalorada e dende logo John Ford ten obras bastante mellores, como “A dilixencia”, poño por caso.
Un guión pouco crible con bastantes fallos e imprecisións; unhas casualidades esaxeradas que non veñen a conto; un ton cómico que flota o longo da historia, pero burdo e mesmo ridículo; a pésima caracterización do malvado xefe comanche Cicatriz; a caricaturesca relación amorosa entre Vera Miles e Jeffrey Hunter; hai escenas que son de chiste, como cando son perseguidos polos indios e cruzan o río (xamais os cabalos dos malos foron tan lentos), os tiroteos, a secuencia da fogueira na noite; personaxes que non acaban de definirse nin de desenrolarse.
Hai que recoñecerlle loxicamente as súas virtudes, como a estupenda fotografía, a acertada música de Max Steiner e algúns actores.
Mención aparte merece a excelente interpretación de John Wayne como Ethan Edwards, soldado confederado que, 3 anos despois de perder a guerra, regresa o seu fogar en Texas. Ó pouco unha tribo comanche asasina a súa familia e leva secuestradas a dúas sobriñas. Entón cheo de odio e vinganza emprende unha persecución que durará anos por un territorio extenso, inhóspito e violento.
Wayne interpreta unha personaxe complexa, lonxe do heroe valente e honrado que tantas veces foi. Desta é un perdedor, un home amargado e solitario, resentido e testán, racista e vingativo, que pode matar polas costas e mesmo por pracer. Semella que hai escuras razóns, que non rematan de clarificarse de todo, para esa persecución sen tregua.
E Ford que era un mestre coa cámara soubo sacarlle partido a esa actuación, ós xestos, á certas miradas. E por suposto que esa mestría tamén se nota nos planos, sobre todo de exteriores e nese intenso plano final no que Ethan marcha da casa, cara o deserto e a soidade da que el tanto sabe.
Quedo con eso e tamén con este diálogo:
Lars Jorgensen: “O meu fillo matouno esta terra. Podes crelo, Ethan, podes crelo. Foi esta terra...”
Mrs. Jorgensen: “Non digas eso. O que pasa é que nos vivimos aquí e Texas non é unha terra para ser habitada por seres humanos. Nin este ano nin o seguinte e Deus sabe cantos mais. Pero non creo que sexa para sempre. Algún día este país converterase nun lugar agradable onde se poderá vivir, aínda que tal vez os nosos osos teñan que estar enterrados para que eso ocorra”.
Mrs. Jorgensen tiña razón.

14 comentarios:

Chousa da Alcandra dijo...

A min sempre me molou como levaba John Wayne o pano. Levemente inclinado cara un lado. Mesmamente semellaba un home galego nun día de malla. Claro que os nosos malladores non levaban pistola ó cinto...

Raposo dijo...

Chousa: nunca se me ocurriu comparalo cun galego en día de malla pero agora que o dís... Co seu corpachón ben podía ser dos que levaban os feixes de palla o palleiro!!

Carlos Sousa dijo...

Cantos anos hai que non vexo un wester!! De pequeno era o que había, agora por mirar, non miro ningunha. E menudo resumo e crítica, xa podías escribir para unha revista.

Quen había de ver a John Wayne e compañía nun día de malla, ou puxando polos bois en vez de polos cabalos...

vermella dijo...

Anda q non sabía eu que Mr spielberg pensaba iso,eu xa teño na casa un q pensa q é unha película boísima,e a mín non mo parece....

mencía dijo...

Están poñendo nos TCM do dixital as 50 películas que non se poden deixar de ver, e claro unha é esta, o meu home está a velas todas, eu a verdade con algunhas non podo.
Apertas.

Doutora Seymour dijo...

Os diálogos das películas é o bo que teñen, que son pura ficción, é permiten a evasión do mundo real....

zeltia dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
zeltia dijo...

puxera mal o p. enlace

pois non sei se a vin...
pode que a teña visto, porque de rapaza ía moito ó cine de "sesión continua", e sempre eran películas "de vaqueiros" (tamén había as de romanos jajaja, pero as de romanos eran moitísimo piores, agás os traxes das romanas, que me gustaban moito -por entonces ainda non me fixaba moito nas pernas e nos musculosos brazos "dos romanos")
vaia, pero qué estou dicindo! parezo unha vella desas que atopas nun camiño e se che pon a falar, a falar...
:-)
atopo interesantísimo o teu entusiasmo por o western; e as túas críticas, ten razón Carlos Sousa, merecerían ser lidas por máis xente.
¿quererías por favor, engadila aquí?
eu sempre miro alí o que opinan os espectadores das distintas películas, deixo as miñas votacións, e ás veces tamén a miña opinión. Agradezo moito que outra xente aporte o seu punto de vista.

F. Mígez dijo...

Eu non sen quen de valorar as cuestións máis técnicas, pero Centauros fíxoseme un pouco pesada, relaxada so por eses gags cómicos. Personalmente, prefiro "O home que matou a Liberty Valance", e de seguro que se me poden ocorrer outros títulos.

Raposo dijo...

Carlos Sousa, Zeltia: agradezo os eloxios pero non creo que sexa para tanto.

Zeltia: o de participar no enlace ese que me puxeches me parece que vai ser que non. Polo que vin é unha páxina, digamos a nivel estatal, e todo está escrito (como é lóxico ) en castelán, e a min non me apetece nada traducir estas cousas a lingua do imperio. Así que vamos a deixalo asi, entre nós, porque o fin e o cabo tampouco é tan importante.

Vermella: hai moitos que pensan asi e por suposto hai que respetalos, e o mellor ata teñen razón.

Mencía: nesto das listas das mellores pelis ou do que sexa sempe aparecen algunhas que nos preguntamos que carallo fan aí.

Doutora: en case tódalas peliculas sempre hai algún dialogo que vale a pena lembrar. Esta non podía ser unha excepción.

F. Miguez: Estou de acordo: "O home que matou a Liberty Valance"
é un film mellor co que nos ocupa, e creo que non é o unico caso dentro da filmografia de J. Ford.

Apertas a tod@s.

busto.agolada dijo...

Canta miga lle tiras ao cine. Eu vexo e gusta das películas mais nunca me deteño a facewr unha análise tan exhaustiva coma ti. Debe de ser cuestión de sensibilidade ou de intereses distintos.
Gustoume o teu enfoque e o que criticas. A min tamén me gustou máis A Dilixencia.
Saúdos.

Xan dijo...

Fai anos que non vexo ningunha película "do Oeste". Eu sempre vin no Wester a simplificación dos problemas, "Bos ou malos"; moi da óptica americana como Reagan e Bush pai e fllo.

paidovento dijo...

Sempre me gustaron as de vaqueiros, aínda que hai tempo que non vexo ningunha, e non me lembro da que comentas. O outro día estiven tentado a coller no videoclub "Apaloosa", de Ed Harris, que ten boa crítica. Coñécela?

brabido dijo...

Nesta notaselle unha prepotencia que non lla entendin durante toda a pelicula,o unico gesto amable que vin,foi cando lle regalou a medalla do exercito a sobriña mais pequena.

Esta noite penso vela "peli" EL DORADO,xa a vira fai uns anos, aqui si se pode ver a Jhon en plan de amigo ata a morte,a ultima que vin do oeste (actual)creo que foi EL TREN DE LAS 3¨10,que realmente foi unha version.Non me defraudou pero faltallen algo,as da aquela epoca teñen algo especial aunque sö sexa a cor

DEICA LOGO