viernes, 29 de noviembre de 2013

PREMIO "LEIRAS PULPEIRO": CICATRICES DO INSOMNIO, III

Terceiro poema

MANEIRAS DE VIVIR

 Agora que os poetas están en perigo de extinción,
que Satán bufa nun cambio de rasante,
que as bágoas desoriéntanse neste labirinto de beirarrúas,
que a carne de presidio véndese nos supermercados,
que non hai cura para os amores de curso ilegal,
que disparan con balas de fogueo
para esnaquizar as cinzas do futuro.
Agora (cando case todo está perdido)
podo (si queres)
compartir contigo nesta madrugada
a metade do plano dun vello tesouro pirata
(agochado máis alá do faiado dos nosos pesadelos)
e os poucos gramos de cordura que me quedan
nas alforxas desta viaxe a ningures,
e quizais nos sorprenda o amencer
como a dous nenos trastes
xogando en crequenas
cos gastados anos da nosa infancia.
Porque esta maneira de vivir tamén pode ser un camiño.

2 comentarios:

Alís dijo...

Un camiño do máis atractivo.
Paréceme como si a noite que escribiches este poema estiveras algo máis animado que cos anteriores. É a miña sensación.

Unha aperta

Magdalena Malungo dijo...

Nesa esperanza eu vivo..Sempre busco algo que aporte "cor" ao final dos días grises antes de ir durmir.. Hoxe atopeino. Grazas!