Esta é a presentación que Paula Verao fixo de "Territorios estraños"
o 26 de marzo en Sober
Territorios estraños, a voz lírica-lúdica-libre do Sandoval da Riba.
(Presentación de Territorios estraños (2013), de Ramón Sandoval en Sober. Os entrecomiñados son tirados da obra.)
Nos anos 90, dicir Sandoval naquel Sober en decadencia demográfica e social era case falar dun mito: o Sandoval do fútbol, o carteiro rockeiro, un poeta!
Personaxe mítica o Sandoval, o da melena negra alborotada, como míticos son os micro-mundos que recrea nas súas pezas literarias, nas que unha cantina de Viloriz pode ser un antro máis glamuroso que calquera pub londinense, onde a serie “CSI Las Vegas” está a altura intelectual de Bertol Brecht ou o “polígono de Monforte de Lemos” ten o encanto sensual dos moteis de carretera estadounidenses.
A poesía do Sandoval vén coma dunha ponla perdida da cultura da Movida dos 80 – a de verdade, non á edulcorada da progresía-; sabe a whiskie (“de garrafón”) apurado en tascas de madrugada, cun lonxano eco das carpazas da ribeira da Somoza e do Castriño; cheira a borralla de Cinseiro (“de cigarros negros”) en habitacións de libros apiñados e álbums de clásicos de Rock confundidos co “póster do Che”.
A poesía do Sandoval soa a música (dos Stones, de Manolo Tena…), porque poesía e música van moi parellas na obra do da Arriba, que mesmo parece estar escribindo a priori letras de cancións, cal trobeiro medieval compoñendo pezas para que sexan cantadas por quen saiba e que así, pasadas polo filtro da arte musical, sexan outro medio de chegar á amada, un dos motivos centrais da súa obra.
A poesía do Sandoval é coma un “esconxuro”, coma un bálsamo para as cicatrices, eses “costuróns sobre a pel gastada” de tanto dar “rodeos sen atopar nada” ata que se adquire un “pasaporte para viaxar á república da utopía”.
Territorios estraños é un poemario lírico-lúdico-libre de lectura fluída coma auga (ou ”ron que sabe a ti”). De poemas de redondo e pulido acabado distribuídos en tres partes: “Interferencias” –tristura, dor, desubicación, búsqueda-, “De amores e ausencias” -a luz, o amor, o acougo e o desacougo pola ausencia, o desexo desinhibido, a esperanza, “mochilas de esperanza”-, e “Principios de incerteza” -o fantástico cotián-. Un poemario de realismo máxico e oníricos escenarios. Poemas de amor, pero tamén da crise -poeta en crise permanente, “coas alforxas baleiras”-; poeta da dor de estar vivo, da dor de ter nacido e sobrevivir nun mundo alleo aos ritmos das persoas tímidas e sensibles (que se senten “outsiders” e ás que lles “medra o desarraigo polo carné de identidade”); poemas da realidade gris confrontada coa molicie do amor desexado e correspondido e coa vontade de gozar da vida “sen doparse”; poemas no que o universo cultural é un todo, dende Cortázar ata o “león da Metro”; poeta das pequenas cousas que se converten en mundos completos.
A poesía do Sandoval é unha revolta libertaria que comezará na Arriba e inundará o mundo todo de mazairas en flor, coma as da parroquia de Barantes, patria indiscutible do espírito de raposo que mora na alma libérrima do Sandoval e que, de vez en cando, lle dita poemas. Ben seguro que o Eladio da Riba ía fachendear de neto.
Paula Verao
Paula Verao
2 comentarios:
Gustouche a presentación, se non non a poñerías...
A min tamén me gustaría se fose eu,
e polo que che levo lido no blog,
acae, acae.
Creo que xa che preguntara como me podería facer cun exemplar.
Teño o correo á vista no meu blog, a ver como facemos, quero un exemplar adicado!. Lástima non mo deras en persoa, pero non adoito ir por Sober... Quizá contrarreembolso valería...
Falamos, si?
Zeltia: non hai problema, podo facerche chegar un exemplar. Agora paso por o teu blog e falamos por correo.
Publicar un comentario