miércoles, 29 de octubre de 2014

PASOS (DE BAILE)



Nunca souben ser elegante sen afociñar, 
escapar sen deixar pegadas,
nin conseguín éxitos nos que non tivese
antes que lamber as feridas.
O tempo que nos dá experiencia
deixa tamén costuróns
sobre a pel gastada;
sempre un borrón
remata por aparecer
nos escritos máis importantes;
non hai refuxio
que non sufra unha invernía;
as rosas teñen o curioso costume
de agochar espiñas,
e á ledicia de camiñar descalzos
contraponse a  probabilidade
de pisar no carreiro vidros rotos.
Por iso admiro a Fred Astaire,
un tipo de esvelta delgadeza 
no que ata o máis torpe tropezón
parecía un paso de baile
perfectamente executado.

                                        Do libro "Territorios estraños"

5 comentarios:

Chousa da Alcandra dijo...

Os costuróns sobre a pel gastada son a peaxe que hai que pagar por acadar esa experiencia. Non se pode repenicar e máis ir na procesión. Xa o dicía meu avó

Xosé Manuel Fdez dijo...

A elegancia non se vai con calquera.

Cuspedepita dijo...

Así é a vida, amigo...

Seguro que Fred Astaire afociñou moitas, moitas veces antes de acadar tanta mestría no baile.

Apertas.

Paz Zeltia dijo...

lembremeos que unha cousa é como aparecemos arregladiños con garavata e traxe, o pelo con gomina, a como se nos ve acabados de levantar cando imos ao baño á mañá cediño :)

Paz Zeltia dijo...

gústame o ref´ran ese do avó de Chousa de Alcandra... cantos de nós tardamos en entender