“No digais se nos fue el
mejor de todos,
malogrose el cumplido
cantautor”.*
Pero si. Javier Krahe
deixounos, un infarto de miocardio tivo a culpa. Estíveno vendo en concerto non
fai moito, en febreiro creo, no Ensanche (Vigo). Como ía pensar daquela que
sería a última vez?
Dín que os vellos rockeiros
nunca morren, polo que se ve os xoglares
e cantautores si. Escribiu máis de 150 cancións cheas de ironía e humor
intelixente; foi o primeiro que
pronunciou a palabra “gilipollas” na Tve; irreverente, escéptico, tremendamente
enxeñoso, poeta; no 86, en plena época do felipismo a televisión censuroulle a
canción “Cuervo ingenuo”, unha crítica feroz contra o Psoe; ensinounos como
cociñar un Cristo e foi denunciado por iso; escribiu “No todo va a ser follar”,
toda unha declaración de intencións; nunca se vendeu nin se deixou influír por
modas pasaxeiras. Para ser un tipo que se criou no barrio de Salamanca e
estudou no elitista Colexio do Pilar non
está nada mal.
Agora deixounos e o mundo
está moito máis baleiro e moito máis triste.
“Me gusta no hacer nada.
Tengo una gran capacidad para ello”, dixo nunha ocasión. Ou sexa, que agora ti, Javier, estarás contento. Polo menos isto reconfórtame algo.
Ata sempre, mestre.
*Da canción de Krahe “Los siete pecados capitales”
1 comentario:
Moi bo texto e boa homenaxe. Parabéns!
Publicar un comentario