lunes, 19 de marzo de 2018

Tempo pasado


Miro cara unha época
que xa non existe
rostros calcificados
que noutrora foron risas
lembranzas acubilladas
polo estupor da distancia
días que arderon ceibes
cando un era dono
da rosa dos ventos.

Esa sede de verán
o peito  aberto á fío
ese alento quente
dos xogos prohibidos
e do son dos axóuxeres
un deixarse ir
como améndoas de auga
como espigas na brisa
un gozar da raxeira
e das sonecas de media tarde.

Fito una vella fotografía
raíz e cinza
de antes do naufraxio
de tódalas palabras
e lembro canto me gustaba entón
choutar no bulleiro.

                                     Do libro "Cartografía da infancia"

2 comentarios:

paideleo dijo...

Canto tempo sen saber da palabra bulleiro. Miña nai úsaa. É de Pantón, claro !.
Non sei porque non a poñen nos libros e a televisión en vez do soso charco.

Raposo dijo...

Si, hai unha morea de palabras que cada vez se usan menos e que cando a xeración dos nosos pais desapareza esas palabras desaparecerán tamén. Unha mágoa.