martes, 25 de diciembre de 2018

Tempo de inverno



E chegaba  o inverno
abrindo as pálpebras da xeada
coma un vello anicado
bafexando nos cristais
e nas gavelas de toxos
e moitas veces albiscábase
a neve na Cabeza da Meda.

Ese olor a mazá
demorado nos cuartos
eses días curtos
engulidos polas sombras
na lentitude transparente
dun campo sen follaxe.

E chegaban as matanzas
baixo inhóspitos tellados de uralita
unha orxía ancestral
de vísceras e sangue
o destino do porco
a morrer a coitelo
no cabezallo do carro
o lavado das tripas
no regueiro de sempre
encher as vexigas
superando o noxo
e facer os chourizos
con olor a fresquío e pemento.

E  para cear  as febras
polbo con cachelos
filloas con mel
turrón duro e brando
e despois a brisca
e chiscar o ollo con disimulo
cando tiñas o tres.

             Do poemario "Cartografía da infancia, incluído no libro "Zocas e decibelios"

1 comentario:

Chousa da Alcandra dijo...

Feliz ano 2019 Raposo. Que chisques o ollo por levar o Tres; e que tamén vaia acompañado do As en moitas ocasións.

Apertas ullás