miércoles, 23 de octubre de 2019

Pesadelo asfáltico



Non berredes máis, irmáns, non berredes
que o asfalto zugaravos ata os miolos
a cada golpe seredes máis pequenos.

Monicreques dun castelo de naipes
autómatas en cidades sen alma
deixaredes anacos de  vida
en cada recuncho
da pel das baldosas
beberedes fume e po
para cuspilo despois
trousando tristura  pola boca.

As eirugas de metal esmagarán os corpos
coas poutas enchidas de veleno
as lesmas de metal chucharanvos
ata a derradeira gota de vida.

Non busquedes aliados, non os hai
non, non hai piedade
entre o cemento e o bruído
non hai lugar para a súplica e a esperanza.

Os brazos ensanguentados emerxerán
enarborando bandeiras rotas
entre treboadas de morte e destrución
manarán os ollos regueiros de bágoas
que xa nada valen
buscando entre saloucos a luz infinda.

Xa non haberá tempo
non haberá tempo para esconderse
non haberá tempo para fuxir
non haberá tempo para volver atrás.

O último paso xa foi dado
e con el a caída inevitable
e non berredes, irmáns, non berredes
que non hai piedade entre o asfalto.

                                         Do poemario "A pel no asfalto", incluido no libro "Zocas e decibelios"

1 comentario:

Alís dijo...


Hoxe (por cómo son estes días) leo o teu poema máis como unha crónica que como un presaxio. E non sei sequera si naceu como algunha destas cousas

¿Qué nacerá despois desa caída inevitable?

Bicos