miércoles, 8 de enero de 2020

Cabinas molladas




Onde o desexo é un río a calquera parte
onde se enxerga a choiva
A Rúa semellaba unha patria
que navegabamos descalzos
sen présas, contra o vento
mentres absurdas sentinelas de alcatrán
espreitaban as nosas antigas arelas
por riba da apoucada luz dos abrentes.

E puidemos facer maxia na súa xeometría
tecer bicos á beira da lei
no bosque de antenas parabólicas
na demora ritual diante do semáforo
mentres a radio esparexe un “country”
e Dolly Parton lévanos os pasteiros
ser felices entre tanta néboa.

Algún día iraste, dixéchesme
e souben que eramos corazóns sen rumbo
ó final dunha rúa sen nome.

Onde se enxerga a choiva que mergullou
o que un día foi noso
só quedan agora lembranzas da treboada
tristes pingueiras nos mármores das terrazas
fotocopias de bicos adurmiñados
cinxidos a  teimosa soidade dos náufragos
e molladas cabinas de teléfono
desde as que nunca chamaches.

2 comentarios:

Alís dijo...


Aínda existen as cabinas telefónicas? Moito as usei... agora nin lembraría os números ós que chamar, porque a memoria do móvil volve vaga a miña.

A choiva trae consigo nostalxia, morriña de tempos que foron. E nos convivimos coa choiva...

Gústame o aire urbano do poema

Bicos

E feliz 2020!

RosaMaría dijo...

Maravillosa estampa de otro tiempo,mezcla de recuerdo y nostalgia. Muy bello pude verlo y escucharlo.Saludos.