lunes, 20 de enero de 2020

Caderno de bitácora



Soñas co mar
como cunha profecía de antigos tempos
sóñalo mentres imaxinas
que viaxas a terras lendarias
e  praias de miúda area.

Tamén ti navegante
deixas atrás Ítaca.

Todos queremos chegar
á Illa do Tesouro
e ser Jim Hawkins
neno entre piratas rudos
heroe de barco e  aventura.

Buscamos a liberdade en alta mar
e o vento salgado na cara
ser temoneiro do destino
todo o horizonte por diante
e navegar e navegar.

E que o mar bravo non fenda
o cristal dos barómetros
que a proa enfile sempre
a rota escrita nas estrelas
a bandeira ondeando no mastro
ron para a viaxe
e as noites ateigadas de luar.

E chegar así
e espertar así
un amencer calquera
na praia soñada
á carón do tesouro
nunha Arcadia feliz
no medio do océano
ó abeiro das tempestades
e o vento frío do norte
e esquecer por uns intres
que fóra está o perigo 
a resaca, os atascos
as alertas vermellas
moteis, adrenalina,  desacougo
e quilómetros e quilómetros de autoestrada.

                                  Do poemario "A pel no asfalto", incluido no libro "Zocas e decibelios"

3 comentarios:

RosaMaría dijo...

Hermoso poema de ilusión de aventura. Saludos.

Germán Ibarra Zorrilla dijo...

Fantástico!!! La isla del tesoro fue mi libro favorito cuando era joven. Me ha gustado mucho tu blog, saludos.

Alís dijo...


O mar sempre é unha boa metáfora da vida. E esa praia sempre é un destino soñado cando andamos no medio dunha tormenta no medio do océano.

É só unha das moitas leituras que ofrece o teu poema. Fermoso

Bicos