Ás veces cando
tento erguerme
sobre a propia
canseira
premo na area roxa
do deserto
e presinto e sinto
e sei
que estou en terra
de ningures
onde nin sequera
ser estranxeiro ten sentido.
E busco bares
anónimos
coma quen busca
unha froita prohibida
rescato do bolso
unha foto
e mentres a miro
de esguello
cavilo porque é
aquí
e non na praia de
Copacabana
ou nun tranvía de
Lisboa
onde sigo
murchando as miñas horas.
Algún día ireime
coma todos
buscando outros
corpos, outros ceos.
Villaviciosa será
só un nome no recordo.
Lembrarei tamén o
sorriso
de aquela moza de
vaqueiros axustados
un bico ardendo na
escuridade
o sabor amargo do
Bitter Kas con Larios
e música de fondo
de Joaquín Sabina
e unha curva
tomada a cento dez
e a catro ou cinco
amigos.
Do poemario "A pel no asfalto, incluído no libro "Zocas e decibelios"
1 comentario:
Non son tan malos os recordos de Villaviciosa para sentirte en terra de ningures.
Coñezo esa sensación, ou unha moi parecida. Asáltame de cando en vez
Bicos
Publicar un comentario