domingo, 19 de abril de 2020

Plan de evasión



Agora
cando xa non quedan cómplices na barricada
nin un ás na manga agochado
cando os paraísos están extinguíndose
nesta terra  dominada pola avaricia
neste caos de máscaras e sumidoiros
de chemineas, velenos
buguinas entolecidas
cordilleiras de cemento
ascensores da frustración
agora, digo
vestireime de escuro
e sen billete de volta
sairei a esgazar o solsticio de inverno
buscarei devagar
as estradas máis estreitas
as aldeas máis illadas
e nalgún lugar arredado
onde ninguén me coñeza
onde para todos sexa un estraño
unha sombra, apenas iso
un murmurio, apenas nada
quizais poda atopar un recanto
no que por un intre
sexa  un pouco feliz.
                               Do poemario "A pel no asfalto", incluído no libro "Zocas e decibelios"

1 comentario:

Alís dijo...


Seguro que queda un recanto para cada un de nos. O caso é atopalo.

Encántame este poema, encántame a ilusión que sigue viva aínda que todo arredor invita a apagala... Moi axeitado para estes tempos.

Bicos