hoxe
debería escribir sobre o frío
atopar
o ángulo exacto onde morren
por
conxelación as libélulas
despexar
a fórmula pola que a xeada
queima
os gromos dos recordos
e pon unha pista de patinaxe
nas lagas onde se lavaba a
roupa
antes da aparición das
lavadoras
cos seus programas de aclarado
centrifugado
antimanchas prancha
fácil delay timer
debería
escribir sobre o frío
ese
que se nota nas salas mortuorias dos tanatorios
na
mirada estrañada dos ciclopes
nos
espantallos entre o millo
nos
que piden ás portas dos supermercados
e que
xa hai tempo que se deron por vencidos
nos
traxes que se murchan nas maletas
dos
emigrantes retornados
cheas
de preguntas e de invernos
escribir
sobre o frío
para
espantar as bufandas a cadros
e os
calcetíns de la que zurcen as nais
escribir
coma un exorcismo
para
derreter a arquitectura do carambelo
que
non deixa alzar a voz
nos
días que pasan lentos e boca abaixo
o frío
o
espasmo das engurras
as
barcas que podrecen no fondo dos encoros
o
veleno da Torre de Babel
Clark Kent agardando nun quirófano
o graínzo sobre as almofadas
a memoria de perfil
desangrándose gota a gota polos costados
o frío
un meteorito estrelándose contra o corazón da terra prometida
Do libro "Nas esquinas do frío", premio Avelina Valladares 2019
1 comentario:
Que veña un novo ano morniño e leve os medos e fríos que papamos no 2020 !
Publicar un comentario