lunes, 22 de enero de 2007

Seguir escribindo


Cando o pensamento que debullemos
teña catorce nós que poñan freo ó recordo,
a ese recordo que procura o recendo da esmorga,
dos veráns máxicos, das cancións antigas,
e rexeita as palabras murchas, baleiras,
e os anxos afastados do paraíso.

Cando ó chegar á encrucillada
non se poida apagar un berro
e os noctámbulos anden a toa porque perderon
o derradeiro autobús a terra firme
e só lles queda como recurso po e camiño.

Cando un tiro a queimarroupa
estrague a liberdade de calquera sábado
para máis tarde na soidade do teléfono
atopar tremores agachados á beira dos ollos,
razóns para vestirse de negro
e que os raposos e as gaivotas
tamén teñen tristura na ollada.

Cando a longa barra dun bar amósenos
que un borracho pode abafar nun pedestal
mentres unha rúa sen fin lévao ata a súa infancia,
a súa infancia que ten algo de fronteira
e algo de follaxe perdida
e algo máis.

Cando fiquen caladas tódalas radios,
cando se rebelen os reloxos,
cando non queden illas desertas onde esconderse
nin vellos planos sinalando tesouros agachados,
cando o norte xa non exista,
non terá sentido seguir escribindo
e racharei en mil anacos este poema.

10 comentarios:

Anónimo dijo...

Parece que algunha guiri quere seducirte....raposiño....
son os teus poemas, que engaiolan a calquera especie dos bosques, nos só do asfalto. Noraboa polas fermosas liñas, e pola foto. Moita emotividade.
MORALLA

Anónimo dijo...

Ben polo sentimento.

Raposo dijo...

Eso busco eu, Moralla, engaiolar tamén as especies urbanas.
Naúfrago:O sentimento é unha das poucas cousas que nos deixan ter sen pagar canon por el.
Grazas polo aviso, Rafa. Vai ser díficil que me pillen. Os raposos sómosche moi desconfiados.

SurOeste dijo...

Xa, pero cun rabo difícil de agachar.

OSIÁN dijo...

Cando fique todo, ainda tera mais sentido seguir escribindo fermosos poemas como os teus para construir un mundo mellor.
Un saudo

moucho branco dijo...

non había que pagar canon polo sentemento?... xa me liaron outra vez os da SGAE... en fin, gustáronme os teus versos, pero nesta materias non te fies nada da miña opinión... bueno, e noutras tampouco, a verdade.

un saúdo.

Torreira dijo...

Fermosas liñas raposo

Raposo dijo...

Tratarei de agochar ben o rabo,suroeste.
Brais, grazas polas verbas.
Moucho branco: é que estes da SGAE sonche uns liantes, meu.
Fago o que podo, torreira.

Marinha de Allegue dijo...

Fermosas palabras e fermosa imaxe...

Unha aperta.
:)

Raposo dijo...

Grazas por visitar esta cova, Marinha de Allegue, e polas túas palabras.