sábado, 29 de diciembre de 2012

CELSO EMILIO FERREIRO


Non contaba eu con facer máis entradas tendo en conta que os maias sempre me pareceron xente cumpridora e formal. Pero se ve que  as súas prediccións teñen o mesmo valor que as promesas de Rajoy.
Xa que logo, o mundo non rematou. Pero o que está a piques de rematar, desto non hai dúbida, e o 2012. E que mellor que facelo, penso eu, lembrando a Celso Emilio Ferreiro, a 100 anos do seu nacemento. Razón máis que suficiente para honrar a súa memoria e a súa poesía que sigue  tan vixente coma sempre.
E, xa de paso, desexarllos un bo 2013, na medida do posible.

FALAREIVOS DE MIN

Falareivos de min anque que me doan
as escuras raíces dos meus soños.
Celso Emilio me chaman pero eu teño
outros nomes máis irtos apuntados
nun rexistro de ventos polifónicos
cun fondo musical de frauta triste.

Meus nomes sen palabras. Mainamente,
de par en par abertas sempre as portas,
espallándome vou polos camiños
co corazón aceso en cen abrentes,
nas mans a luz, nos ollos margaridas,
e unha piedade de río sen orelas.

Neno que fun e son, pésanme os anos
cangados de minutos e de días,
de beixos e de cárceres. Cadeas,
lóstregos, vermes, homes en ringleira
baixo a chuvia, esa flor nada no outono.

Lonxana  primavera nunca volta,
que nun intre vivín de pedra ou arbre,
canle de Dios que cara o mar me leva,
xílgaro azul, ronseis do pasado,
feridas coma labres no remorso.

Andando vou, alporizado o corpo
nun latexo sen fin que me agriloa.

Eisí me chamo eu. En fume escritos
os meus nomes están. Vádeos dicindo
cun fondo musical de frauta triste,
de bágoas esbarradas
petándome decote nas pupilas.
Vádeos dicindo en verbas pequeniñas
como coitelos fríos pola gorxa.

Non me chame ninguén por outros nomes,
alcumes meus en fírgoas entrevistos,
escura voz dun soño sulagado.

* Do libro "O soño sulagado", 1955.
 

9 comentarios:

Paz Zeltia dijo...


Vaia poemazo que nos deixas.
Para ler e reler
e enchouparse nel
e alá que che cambia o humor
e esbara polo ánimo esa música de frauta triste.

espallándome vou polos camiños co corazón aceso en cen abrentes, nas mans a luz, nos ollos margaridas, e unha piedade de río sen orelas.

Feliz Aninovo, Raposiño.

Magdalena Malungo dijo...

Qué grande! Feliz e venturoso 2013!

Anónimo dijo...

Os poemas de Celso Emilio Ferreiro son sempre imprescindibles para entender o mundo e as causas que nos afogan.
Feliz 2013
Unha aperta

Mar e Lúa dijo...

Imprescindibles para entende-lo mundo e a alma humana, si señor. Precioso poema para comeza-lo ano. Feliz 2013.
Apertas

Noa dijo...

Unha maneira marabillosa de despedilo, sen dúbida.

Feliz 2013! :)

Chousa da Alcandra dijo...

Que as boas maneiras coas que despediches o ano, presidan este impar recén estreado.
Apertas dende Antas

Raposo dijo...

ZELTIA, MAGDALENA MALUNGO, XAN , MAR E LUA, NOA, CHOUSA DA ALCANDRA, grazas polas visitas a cova. Para a próxima vez a ver si vos invito a "unas pastas y una copita de anís".
Que os 2013 sexa venturoso!!!

mariola dijo...

Unha entrada marabillosa para despedir o ano, cun poema fermosísimo que nos invita a lelo unha e outra vez.
Espero que empezaras ben o ano e que sexa de felicidade e moita saúde.
un bico.

Raposo dijo...

Un bico, MARIOLA, bo ano para ti tamén!