lunes, 3 de marzo de 2014

UNHA COPLA PARA O ALCALDE DE SOBER


O sábado entrei na biblioteca de Sober  e atopeime con isto: un cubo para recoller as  goteiras, papeis para que non se molle o chan, plásticos para protexer os libros da auga e Julia, a bibliotecaria, facendo apaños para arranxar as filtracións. A imaxe é tercermundista. Así que, aproveitando que estamos en Carnaval, fixen esta copliña para o alcalde.  A ver se toma nota.

Señor alcalde, por favor
mande amañar as goteiras
que ten a Casa da Cultura,
que chove na biblioteca.

E seica chove nos libros,
nas mesas e nas cadeiras
e chove por Manuel Rivas,
por Ferrín e Novoneyra,
e a Julia non dá abasto
tapando tantas pingueiras.
Non creo que custe moito
poñer unhas cantas tellas.
Sober ten bos operarios,
contráteos sen máis espera
que os que gustamos dos libros
tememos unha desfeita.
Rosalía está amolada,
a Pardo Bazán  patexa
e Celso Emilio Ferreiro
botou as mans a cabeza
pensando que xa volvía
unha noite de auga e pedra.
Carallo, seica me mollo,
díxolle Clarín á Regenta
e ata xura en arameo
Don Camilo José Cela.
Unanumo anda rosmando,
Manuel María protesta,
tamén Borges e Cortázar
e os piratas de Espronceda,
Miguel Delibes, Neruda,
Arthur Miller, Gil de Biedma,
Federico García Lorca,
Bolaño, Lope de Vega,
todos temen enchouparse
dende os pés ata as orellas,
e nin pode saír da casa
a Carapuchiña Vermella,
con tanta auga que cae
ata o Quixote se queixa.

Por favor, señor alcalde,
mande amañar as goteiras
que non merecen os libros
que chova na biblioteca.

5 comentarios:

Chousa da Alcandra dijo...

Supoño que xa lle mandarías as letras a info@concellodesober.com
Para que se quede coa copla!!!

:-)

mariola dijo...

Que o alcalde de Sober fágase eco da túa petición.
Pobre biblioteca!
un biquiño.

paideleo dijo...

A verdade é que dá pena a imaxe esa.
Mui boa copla !.

Concha L. F. dijo...

Seica é bo músico ese alcalde de Sober...

Boa copla e xusta reclamación!

Saudiños.

Alís dijo...

Tamén espero que lle mandaras a copla ó alcalde.

Unha aperta