viernes, 12 de septiembre de 2014

ANIVERSARIO

Hoxe espertei cedo porque o teu nome
fíxome cóxegas no corazón.
Hoxe é un bo día para facer inventario, 
buscar a calor das túas caricias,
imprimir a dozura que regalas,
pór as cartas boca arriba,
asinar unha adhesión incondicional contigo,
amarte sen data de caducidade.
Hoxe quero ser
perito nas lúas do teu corpo,
arquitecto de aloumiños,
alquimista de ilusións.
Hoxe fai tres anos de todo
e aquí estou eu
sen saber moi ben que facer
con estes ollos
que non se cansan de mirarte,
con estas mans
que se entristecen cando non estás,
con estas verbas que agora escribo
e que quizais non saiban expresar
o moito que te quero.

Do libro "Territorios estraños"

2 comentarios:

paideleo dijo...

Vaia !. Con verbas así derrete un a calquera.

mariola dijo...

É fermoso querer e que sigamos sentindo ese sentimento ó longo dos anos.
un biquiño raposo.