lunes, 17 de agosto de 2015

Bicos (na noite)

Eu quero un bico para ganar a guerra,
ti perder a batalla para poder renderte.
Ti aceleras nas curvas da noite,
eu demórome a carón dos teus peitos.
Eu debuxo un plano do paraíso,
ti rómpelo en mil anacos para que ninguén o atope.
Ti  deixas que os pés te leven a outro pub,
eu fico preso dos teus ollos acastañados.
A min perséguenme as pantasmas do pasado,
ti apostaches dobre ou nada contra o futuro.
Ti pescudas unha razón para fuxir,
eu teño máis de cen para quedarme.
A noite esvara cara ó abrente
buscando unha saída.
Ti sorrís coqueta entre as sombras
das luces de neón
mentres eu lembro os versos de Manolo Tena
“de un largo naufragio tus brazos me salvan”
e volvémonos bicar.
                                         Do libro "Territorios estraños"


2 comentarios:

mariola dijo...

Encántame! Un poema que move o amor. Así, sen máis.

Paz Zeltia dijo...

Que haxa sempre bicos e poemas!