jueves, 1 de junio de 2017

O Rock da arrinca do esterco

Carro cargado con esterco. Foto de Antonio Rodríguez Díaz, de Torbeo

Vou ir poñendo aquí as letras dunhas cancións da miña autoría que forman parte do Cancioneiro Labrego de Sober  e que  o grupo musical Os Parentes teñen a ben cantar nas súas actuacións.

Empezo con “O rock da arrinca do esterco”, unha lembranza a esta faceta agrícola, tan traballosa ela.

O ROCK DA ARRINCA DO ESTERCO

Arrincando no esterco
alá polo abril,
unha corte escura
e luz de candil.
O teito era baixo,
o carro era vello;
non me remexía
naquel cortello.
Fora ía frío
e tamén chovía
na arrinca do esterco
da tía María.

Arrincando no esterco
un día de verán,
ás tres da tarde
e o sol a quentar.
Eu súa que súa,
ai, que diaño!
Xa non podía
nin co picaño.
Me cago no mundo!
Me cago na tos!
A arrinca do esterco
en Gundivós.

Rock, rock, rock.
Rock, rock, rock.
Rock da arrinca do esterco,
Rock do labrador.

Arrincando no esterco,
mediados de novembro,
no curral do cura
e ben que me lembro.
Estrume de ovella,
enxoito e desfeito;
carro con canizas
e premendo a eito.
Barullo no sobrado,
fun ver que pasaba,
e alí estaba o crego
enriba da criada.

Arrincando no esterco
no mes de xaneiro,
carambelo, xeada,
lume no caldeiro.
Eu coa xugada
e na corte o Andrés,
non daban quecido
as mans nin os pés.
Esvarei no chan,
caín de fociños.
O que hai que facer
pra gañar os cartiños!

Rock, rock, rock.
Rock, rock, rock.
Rock da arrinca do esterco,
Rock do labrador.
Bis


Déixovos este vídeo: a imaxe non é boa pero o son pode pasar.

2 comentarios:

Chousa da Alcandra dijo...

Grazas a ti os vellos arricandores de esterco nunca van morrer!!!

Parabéns

Raposo dijo...

Chousa, trátase polo menos de non esquecelos de todo!!