viernes, 1 de febrero de 2019

Primeiro amor


                     “Ela ten os ollos da cor da infancia”.
                         Pedro Rielo

Empezoume a gustar
e non lembro cando.

Foi quizais un lóstrego
un asombro de quentura
subindo ata o peito
un indicio de cóxegas
un instinto básico levedando na arxila.

Ela era unha nena de cara redonda
de ollos limpos e risa sincera
unha noite soñei que bicaba
os seus cabelos
sabían a azucre
nun campo de flores.

Mirábaa ás agachadas
escribía o seu nome en  follas secretas
e fun feliz cando a mestra
nos puxo no mesmo  banco.

Quíxena como só saben querer os nenos.

Non lembro cando me deixou de gustar
nunca nada lle dixen
o primeiro amor foi tamén
o primeiro segredo.

                   Do poemario "Cartografía da infancia", incluído no libro "Zocas e decibelios"

1 comentario:

mariola dijo...

O primerio amor nunca se olvida. E que recordó máis fermoso queda prendido nos miolos.