falo dos sorrisos
azuis dos nenos
dos soños que non coñecían
as engurras
da ilusión que coma miúda
poalleira
nas paredes da infancia se
pousaba.
Todo o pasado cóllelles
nas mans
falo do amor e da maxia da
carne
falo da amizade, sedutora,
bébeda
e de espertar sentíndose donos
do sol, do monte e das
raíces.
Todo o futuro cóllelles
nas mans
tamén as feridas sen curar
o barro que enchoupará os
días
as urbes que irán
abandonando
coa herdanza de débedas e
sobresaltos
a xenreira, o vómito, o
cansazo
a pistola que un día
levantará
a tampa asustada dos seus
miolos.
Porque
levan moito tempo
con laios nos
beizos
pisando alcatrán
húmido
moito tempo suando
sangue
no campo de
batalla
baixo a alongada
sombra
dos rañaceos e
teñen
unha dor que fica
estancada
coma unha tatuaxe
no peito.
Son, certamente,
rebeldes
con causa erguendo
bandeiras
no medio de
páramos desolados.
Por iso, ás veces,
hai demasiado ferro
no cerne das súas
verbas.
Por iso, ás veces,
rúbricas ardentes
poñen punto final
ós seus nomes.
Porque
non son fillos de deuses
nos seus xenes milenarios
amoréase a cobiza, o
desacougo
o medo á soidade da noite
cando as árbores eran
fogar e refuxio
e a choiva tiña un
arrecendo a misterio.
Non forman parte das
lendas,
non hai milagres na súa
biografía
os nenos non aprenderán os seus nomes.
Amósalles o espello unha
face gris
a ollada perdida en ningures
detrás das reixas dunha
gaiola
de inquedanza e monotonía.
Porque non son fillos de
deuses
non quedará lembranza do
seu paso
a historia borraraos coma
o tempo
borra as pegadas na neve
venceraos o vento coma
unha folla murcha
e irán caendo sen moito
balbordo
no derradeiro pozo escuro
do esquecemento
onde rematan por
esfacharse os soños
que non teñen terreo de
esperanza ó que termarse.Do poemario "A pel no asfalto", incluído no libro "Zocas e decibelios".
Premiado no Certame de poesía Feliciano Rolán, 2017.
No hay comentarios:
Publicar un comentario