martes, 15 de octubre de 2019

Caer amodo


Buscar a liberdade no asfalto
é precipitarse a un abismo sen paracaídas
esnafrarse de impotencia e coas mans
se aínda quedan desfacer  laxes
guindastres e moreas de tixolos.

Nos ollos enchoupados de preguntas
derrétense as  conexións.

Agardamos un movemento
un saúdo visceral
unha atracción
pero as verbas esvaran lamacentas
foxen a cegas
e os pasos
resoan cada vez máis lonxe.

Confiamos que o día traerá a claridade
dará forza nova ós vestidos e ás campás
decisión nas encrucilladas
e outra vez as rúas serán manancial
e os muros un mar verde.

Ata que algo fai tremer o pulso
un calafrío percorre os ombreiros
axítanos, patexa, fálanos á orella
rípanos da utopía feliz
que argallamos por uns intres
e os ollos ábrense máis e máis
e comprendemos.

Daquela só esperamos
ir caendo máis amodo
o sorriso que disfraza a desgana
unha áncora, un corpo espido
o baúl dos recordos
unha sombra, un empurrón
un solpor morno
silencio
esquecemento
unha tumba.

                             Do poemario "A pel no asfalto", incluido no libro "Zocas e decibelios"

4 comentarios:

Alís dijo...


O poema fíxomo caer amodo, como si poidera frear o golpe agarrándome verso a verso. E, ás veces, é mellor caer dunha vez, para volver a erguernos e seguir. Non é esta a ocasión.

Cómo me gustaría escribir poesía en galego!

Bicos

Alís dijo...


fíxome, non fíxomo

mariola dijo...

Quizais a vida é así, esperanza, desesperanza, subidas e baixadas. E cando un comprende o mundo vai máis amodo. A aceptación do cambio.
saúdos.

mariola dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.