lunes, 18 de noviembre de 2019

Corazón de lóstrego


Alguén viaxou no tempo
buscando unha espada
alguén soubo poñerlle voz
á dor e ás pedras
á penumbra e ás máscaras.

Alguén vindo de moi lonxe
inventou a caligrafía torpe dos nenos
as carambolas a catro bandas
as apertas que non se esquecen
descubriu a cara oculta da Lúa
o mapa para chegar a Shambala
e rescatou unha tarde de decembro
unha bala sen xustificación
e unha fotografía de John Lennon.

Alguén vindo de moi dentro
fíxose corazón de lóstrego
neses días calmos
nos que o vento eternízase
e convértese en pomba
e en caricia sincera.

Nas súas mans de choiva
estaban os refuxios
as maletas, a dignidade
os ronseis das gamelas
coma un vendaval de urxencias
sobre as augas.

A súa palabra tróuxonos
alboradas máis limpas
a mirada como escuma
gabeando cara ós dedos
os dedos abrindo xanelas
no colo da paisaxe
abrindo fronteiras
e dándonos a posibilidade
de ser nós mesmos.

Alguén vindo de moi dentro
díxonos o seu nome
e non soubemos conservalo
e na dor e nas pedras
e na penumbra e nas máscaras
apagáronse os ecos
e todo quedou en silencio.

Agora a luz do cristal  borrouse
agora todo parece tan só un soño.

                               Do poemario "A pel no asfalto", incluido no libro "Zocas e decibelios"
                              A foto é de Arnaitz Fernández

1 comentario:

Alís dijo...


Vindo de moi dentro, vindo de moi lonxe, vindo doutro tempo... e é a mesma distancia.

Precisamos un corazón de lóstrego: forza, enerxía, luz e despertar.

Fermoso, pero iso non é novidade

Bicos