martes, 24 de diciembre de 2019

Escuros presaxios




Dende a fiestra admiras
o encanto do arco da vella
e pides desexos que non se han de cumprir.

Mentres che esvara unha bágoa
escribes verbas que ninguén lerá
sobre os cristais embazados.

Segue a chama
prisioneira da túa illa
e o silencio faise azul
na quietude invernal dos estanques.

Hoxe toca descubrir o segredo
que se agocha nos oráculos
navegar a barlovento
beber a poción que nos fará máxicos
máis alá de presaxios escuros
que desafían a lei da gravidade.

Queda un misterio  furando no corpo
tatuaxes que escintilan no medio da brétema
lagoas nas que perderse a través dos séculos.

Demasiadas incógnitas para esta visión
da que só perduran borrosas imaxes.

                                 Do poemario "A pel no asfalto", incluído no libro "Zocas e decibelios".

1 comentario:

Alís dijo...


Pasáraseme este poema, e qué mágoa, porque disfruteino cada unhas das varias veces que o lin. Nada quero dicir para non estropealo. É un dos que máis me gustaron.

Bicos