sábado, 17 de mayo de 2008

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

DEITADO FRENTE Ó MAR
Lingua proletaria do meu pobo
eu fáloa porque si, porque me gusta,
porque me peta e quero e dáme a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
o ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que o pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser,co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe.
remo e arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente miña
preto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingua.
Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estúpidos,
non falo prós baleiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxustizas a cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de bolboretas,
de lume e vento sobre os ollos nus.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ese camiño...
Celso Emilio Ferreiro
Longa noite de pedra (1962)

15 comentarios:

Mararía dijo...

É ben bonito!!

BK dijo...

Púxecheste de acordo con Chousa da alcandra??

Bó día!!

Son Unha Xoaniña dijo...

fermoso poema para reivindicar a nosa lingua verdade?
Apertas

FraVernero dijo...

De certo que o é... aínda non fai moito fixéralle unha presentación a un grupo de alemáns da poesía galega do século XX, e por suposto, non podía faltar esta peza clásica de Celso Emilio...

Cuspedepita dijo...

Celso Emilio Ferreiro é para min o poeta por excelencia, o Mestre :-)

Ana Bande dijo...

¡moi acaído!

Anónimo dijo...

Para min Longa Noite de Pedra representa un referente da poética galega. Gracias por botar man del.

Anónimo dijo...

A min emociónanme estas cousas... agora que estou lonxe da Galiza. Morriña, como non.
Saudos!

Noa dijo...

ai! férveme o sangue con este poema e éncheme de revolución!

HADEX dijo...

Celso Emilio é un dos mellores poetas da nosa lingua, sen lugar a dúbidas....gústame tamén moito aquel de "Deron os abecedarios ....."

Pau dijo...

Case que 50 anos despois sigue igual de actual

Nuca dijo...

O outro día vin na TVG un rapeiro de Padrón rapeando eses versos de CEF.

Non gostei, por certo. Ainda así, teño que recoñecer que ao lelos teñen un puntiño rapeiro

Fada Branca dijo...

Nominada na Resaca das Letras 08 e eu sen sabelo ata o ultimo momento, son cousas que pasan.
Mira no meu blogue que che conto

d´Agolada dijo...

Feliz día das letras galegas!!! Bonita poesía.

Suso Lista dijo...

Nunca tanto peligrou a conservación do noso idioma. Falade neniñ@s, falade galego.