miércoles, 7 de marzo de 2007

TES DÚBIDAS, LOGO QUIZAIS EXISTAS


Bate co puño nas paredes
bebe ron ata sentir vertixe,
lamenta que a moza te abandonara
entre os decibelios dunha noite de sábado.
Conta polos soportais a túa condena,
a teima de ir dando pasos en falso
e de perder sempre o póquer
e comproba como se paran os viandantes.
Camiña co xesto fendido polas rúas
e fíxate como enmudecen os farois.
Faite notar, pelexa, cuspe, maldice,
deixa que te firan, que te nomeen.
Aínda así non poderás dicir que estás vivo
e terás dúbidas o fita-la vista no espello.

domingo, 18 de febrero de 2007

ESCRIBIR PARA A CINSA

Hay días de un terrible azul
sobre los huesos”. Angeles Dalúa
.

Hai días en que custa abrir as pálpebras,
achar a forza para camiñar de novo.
Sabemos que temos que loitar
pero ficamos deitados na alfombra
escoitando a Paúl Simon
e mascando chicle
mentres nalgures alguén chora ou morre
e o sangue escorrega
polo regato da indiferencia.
Porque hai días que esconden
coitelos na súa choiva,
caixeiros fóra de servicio,
corazóns fechados como petos,
cavorcos que non teñen saída,
latexos ou imaxes que son como ameazas;
porque hai días perigosamente cargados
de fastío, porque hai un tempo
no que agroma pesaroso o desánimo,
hoxe esta presada de terra feita home
escribirá para a cinsa, esa cinsa
na que medrarán novos folgos
na acelmada luz doutras mañás.


Foto: D.E. Wieprecht

viernes, 9 de febrero de 2007

ALGO ESGAZA NA ALMA CANDO O BAR DUN AMIGO PECHA


“Donde se cruzan los caminos,
donde es tan fácil ser feliz,
donde siempre hay un amigo
que te invita a sonreir.
Hablo del BAR MODERNO:
Imaginar o morir”.


Hai lugares máxicos, dominados por unha estraña forza, onde nos sentimos transgresores e festivos contra un tempo sombrío, un refuxio para prenderlle lume a noite e as nosas loucuras.
O ser humano está feito para comunicarse; o bar é idóneo para eso. O BAR MODERNO cumpriu esa misión. Foi un antídoto contra a soidade e o desamparo. Por eso agora digo MODERNO e digo vento fresco, ilusión, amizade, cariño, vida.
Aí quedan os inesquecibles recordos dos partidos de fútbol na tele; as cañas de cervexa; o sorriso de Toño detrás da barra como unha forma de amainar as treboadas; as partidas de xadrez, póquer, chinchón; tertulias poéticas, discusións políticas; o Cociñeiro poñéndolle música a poemas de Jose; Francisca Gurbindo ensinándome un dia non sei que leria do latín mentres eu buscaba nos seus ollos a tenrura que máis tarde atopeille nos beizos; Aquilinín e a súa copa de Soberano; o meu cubata de Bitter Kas con xenebra; o periódico de La Nueva España; os delicados pinchos que preparaba Luz Marina; e , por suposto, esa fauna persoal e intransferible de clientes do bar co madeireiro de Santa Eugenia o fronte.
Era o sancta sanctorum, a aposta que xamais fallaba, a equis despegada da ecuación, un estoxo no que atopar os camaradas, un terreo onde os de fóra nunca nos sentimos forasteiros, o centro da Villa, a redención do desacougo, o camiño dunha especie de liberdade despois do solpor. Agora chegarei a Villaviciosa e xa non saberei onde ir.

* Na foto tafures do bar Moderno en plena acción, o do pito son eu. Eran outros tempos.

domingo, 28 de enero de 2007

No labirinto da cidade

Quizais sexa este vento quen me arrastra
á beira do absurdo e do abismo
e non saber que fago aquí,
porqué sigo pisando sen rumbo,
que memoria me mantén suxeito
a este lume, esta batalla,
este labirinto de beirarrúas.
Pouco importa co desexo
teña nomes e apelidos,
que berre e contesten nalgures,
que esta loita atafanada de futuro
vaia máis alá do tráfico
e do bulebule desta cidade,
da deprimente oficina
ou das tardes inútiles.
O final todo o que queda
son imaxes enxauladas
no flash da derrota,
rostros que nada saben da tenrura,
un pasado do que volto
coas alforxas baleiras
e un sabor de pirámide que fuxe
para sempre dos meus beizos.

lunes, 22 de enero de 2007

Seguir escribindo


Cando o pensamento que debullemos
teña catorce nós que poñan freo ó recordo,
a ese recordo que procura o recendo da esmorga,
dos veráns máxicos, das cancións antigas,
e rexeita as palabras murchas, baleiras,
e os anxos afastados do paraíso.

Cando ó chegar á encrucillada
non se poida apagar un berro
e os noctámbulos anden a toa porque perderon
o derradeiro autobús a terra firme
e só lles queda como recurso po e camiño.

Cando un tiro a queimarroupa
estrague a liberdade de calquera sábado
para máis tarde na soidade do teléfono
atopar tremores agachados á beira dos ollos,
razóns para vestirse de negro
e que os raposos e as gaivotas
tamén teñen tristura na ollada.

Cando a longa barra dun bar amósenos
que un borracho pode abafar nun pedestal
mentres unha rúa sen fin lévao ata a súa infancia,
a súa infancia que ten algo de fronteira
e algo de follaxe perdida
e algo máis.

Cando fiquen caladas tódalas radios,
cando se rebelen os reloxos,
cando non queden illas desertas onde esconderse
nin vellos planos sinalando tesouros agachados,
cando o norte xa non exista,
non terá sentido seguir escribindo
e racharei en mil anacos este poema.

domingo, 7 de enero de 2007

BAIXO A CHOIVA

O Vitrasa “esvaraba como un blues” Calvario abaixo mentres chovía nos tellados, nas rúas, nos tendedeiros de roupa, no lombo dos cans de palleiro. Chovía, chovía, chovía. Vigo semellaba un antigo e profundo animal mitolóxico, encrequenado baixo unha longa e mesta follaxe de chuvia. Detrás do cristal,o outro lado da fronteira, eu miraba como a xente, a vida, o tempo, escorregaba cara a Gran Vía. Non sei porqué me fixei nela cando o bus parou preto da estación. Quizais foi polo seu camiñar cun sorriso nos beizos mentres as gotas repenicaban no seu paraugas; quizais pola minifalda moi curta que deixaba ver unhas pernas longas, ben feitas. O certo é que a seguín coa mirada tratando de dexergar máis cousas. Camiñaba a modiño, como flotando entre a auga, entre as pingueiras miúdas que caían. O seu cabelo louro espallábase polos ombreiros, baixaba polas costas e seguía o movemento do seu talle. Os ollos eran azuis ou así mo pareceron e semellaban mirar lonxe, moi lonxe, máis alá de Urzaiz, de Príncipe, das illas Cíes, e perderse na néboa misteriosa do Atlántico, ese pai noso tanxible e descoñecido. Se puidese espila coa mirada quizais vira uns peitos redondos, unhas mamilas firmes, un embigo cheo de tenrura, un lunar pequerrecho no costado dereito. Pero non, eu non teño ese poder así que me conformo con vela pasar a modiño, co seu pelo louro, a minifalda e o movemento sensual das súas nádegas. Perdina de vista cando torceu cara a estación e o Vitrasa seguiu esvarando “como un blues” Urzaiz abaixo.

lunes, 1 de enero de 2007

BALANCE PROVISIONAL

"En cada instante la clepsidra deja caer la última gota".
Doomsday. Jorge Luis Borges


Agora que sinto o peito
burbullando de paixón,
que podo berrar sen medo
a que rachen as estrelas,
que a conta bancaria bota fume
polas fendas dos caixeiros,
que aínda teño resaca,
trala trasfega da noite,
mais tamén propósito de enmenda;
agora que busco a liberdade
que nos negaron os mitos,
as axencias de viaxe,
a Coca-Cola e a televisión;
agora que atopei
un CD perdido de Milladoiro;
agora que ata a miña pel cansada
chegou o recendo a marusía;
agora que xa teño risa, fe, orgullo,
un feixe de raíces célticas,
sentimentos sen segredos,
un latexo que ven de moi lonxe
e algunhas outras ilusións;
agora, hoxe, a primeiros de ano,
tento que o meu saldo sexa positivo.