miércoles, 31 de diciembre de 2014

CERTAME LITERARIO "A PIPA 2014"


Este domingo pasado estiven por Becerreá na entrega de premios do XXIII Certame Literario A Pipa 2014 da Alta Montaña Luguesa, que convoca o colectivo becerrense “A Pipa”. Entregáronse premios (o feito de que coincidise co día dos inocentes é unha mera casualidade) na modalidade de prosa, poesía e dramaturxia breve.
Eu tiven a sorte de acadar o primeiro premio de poesía co texto “Corazón de lóstrego” e compartín xuntanza, lecer e desfrute co resto dos premiados: César No Cortiñas, José Ramón Sánchez Varela, Jesús Alfonso Parada Jato, Avelina Pérez,  Santiago Cortegoso Calvar, Ernesto Suárez e Julio Fernández Peláez.

Unha boa forma de ir rematando o ano.

Corazón de lóstrego

Alguén viaxou no tempo
buscando unha espada.
Alguén soubo poñerlle voz
á dor e ás pedras,
á penumbra e ás máscaras.
Alguén vindo de moi lonxe
inventou a caligrafía torpe dos nenos,
as carambolas a catro bandas,
as apertas que non se esquecen.
Descubriu a cara oculta da lúa,
o mapa para chegar a Shambala
e rescatou unha tarde de decembro,
unha bala sen xustificación,
e unha fotografía de John Lennon.
Alguén vindo de moi dentro
fíxose corazón de lóstrego
neses días calmos
nos que o vento eternízase
e convértese en pomba
e en caricia sincera.
        Nas súas mans de choiva
estaban os refuxios, a dignidade,
as maletas do futuro,
os ronseis das gamelas
coma un vendaval de urxencias
sobre as augas.
A súa palabra tróuxonos
alboradas máis limpas,
a mirada como escuma,
o sangue gabeando cara os dedos,
os dedos abrindo xanelas
no colo da paisaxe,
abrindo fronteiras
e dándonos a posibilidade
de ser nós mesmos. 
Alguén vindo de moi dentro
díxonos o seu nome
e non soubemos conservalo.
E na dor e nas pedras
e na penumbra e nas máscaras
apagáronse os ecos
e todo quedou en silencio.
Agora a luz do cristal  borrouse.
Agora todo parece tan só un soño.

3 comentarios:

Chousa da Alcandra dijo...

Unha magnífica maneira de rematar un ano, á vez que lle pon dozura ao incio do seguinte.
Que siga a romaría dos recoñecementos á túa escrita, señor Raposo!

Cuspedepita dijo...

Parabéns polo merecido premio !

Unha aperta.

mariola dijo...

Noraboa por este premio e que este novo ano traia más gratificacións.
un abrazo.