
Mentres outros soñan coa victoria de España ante Holanda, proban antídotos contra as altas temperaturas, gastan as horas en terrazas rutinarias con xenebra de garrafón, discuten cos veciños, buscan os ángulos mortos das credenciais caducadas, fan zapping por programas tan planos como a pantalla do televisor e acaban mercando na teletenda unha terapia a prazos contra a desolación, eu invisto en rock na compaña de C.
Soaron os acordes de
Amenaza desastre e un lóstrego fixo estremecer os corazóns. O rock estaba aí, no campo de fútbol de San Cosme, sobrio, delgado, melenudo, visceral, auténtico, por riba do tempo e das modas, inmune os vaivéns das discográficas, aguantando o tipo, tolo por incordiar, incombustible como ese
Leño do que formou parte.
No escenario xente de confianza: Rafa J. Vegas ó baixo, e Mariano Montero á batería.
Nas dúas horas de actuación tivo tempo para presentar cancións de seu novo traballo (
Amaina tempestad;
Tu que, yo que;
A veces cuesta llegar al estribillo) e repasar éxitos anteriores (
El asa del cubo;
Flojos de pantalón;
Deja que les diga que no...). Non podían faltar temas como
Agradecido ou
Pan de higo, e por suposto guiños a
Leño con
El tren (que nunca lla oíra tocar en concerto) e
Maneras de vivir.
Foise con
Navegando (a muerte), falando de náufragos na barra dalgún bar. Soubo a pouco o concerto e votei en falta que non se interrelacionara mais co público, pero a pegada do madrileño fixo que outra noite de rock fora inesquecible.
Rosendo, pa sempre.
*Banda sonora: Flojos de pantalón.