martes, 26 de agosto de 2014

LOUCURA TRANSITORIA


Un aftershave para maquillar as mancaduras,
as coordenadas do destino
no fondo do baúl dos recordos,
un nó na gorxa debruzado sobre a ponte,
esa estraña atracción polo salto ó baleiro
cando a treboada non amaina
e os gángsteres disparan
contra a súa propia sombra
con balas de fogueo.
Do libro "Territorios estraños"

viernes, 8 de agosto de 2014

NA BOA DIRECCIÓN


Acostumados como estamos en España os carteis do tipo de: pechado, prohibido o paso, non tome alcohol, non fume, non pise o céspede, ollo co can, garde silencio, non pase de 90…, agradécese atopar en Londres un letreiro que nos indique onde hai festa rachada (que boa falta fai).

lunes, 28 de julio de 2014

DE VIAXE


Pasaporte, libras, paraugas, slogan reinvindicativo: xa teño todo preparado para ir a Londres.

domingo, 29 de junio de 2014

A PERDA

Nalgún punto  desta noite
desapareceume un soño.
Era cálido,
fermoso,
ti estabas  polo medio.
Tentado estou de preguntar
na oficina de desexos perdidos.

                                               Do libro "Territorios estraños"

sábado, 21 de junio de 2014

TOCANDO FONDO


Estes ollos
que tentan descifrar o mañá cando
nin  sequera os espellos devolven a mirada.
Esta boca
que nos momentos importantes 
xamais atopa as verbas axeitadas.
Estes pulmóns
abafados polo recordo
do fume de tantos cigarros negros.
Este fígado
que encaixa mal os golpes baixos da vida
e ben os licores altos de graduación.
Estas mans
que escriben a crónica dos perdedores
coa tinta gastada que deixan as derrotas.
Estas pernas
que se obstinan en seguir pegadas
que dan rodeos para chegar a ningures.
Este corazón
canso, cun contaquilómetros trucado
nun taller de dubidosa  reputación.
                                                             Do libro "Territorios estraños"

lunes, 9 de junio de 2014

CÍRCULOS VICIOSOS



A vella pitonisa descifra nas cartas sagradas
o tumultuoso futuro do cabo furriel.
O cabo furriel entra nun bar
e pide un chupito mentres
mira de esguello  á rapaza loura  
recostada ó fondo do mostrador.
A rapaza loura de tacón alto
garda o móbil no bolso e sae
abrazada ó seu mozo.
O mozo despídese sen moito interese
e antes de subir á Yamaha espanta o can
que ulisca no vertedoiro do lixo.
O can escapa  rúa abaixo
e líbrase por pouco das gadoupas
do autobús da liña 8 que pasa fungando.
Ó conductor do autobús da liña 8
gústalle derrapar nas curvas
e frea con desgana ante o paso de peóns
mentres pasa de vagar a muller preñada.
A muller preñada camiña pachorrenta
pola beirarrúa, olla os escaparates,
detense diante dun portal
e despois duns intres de dúbida
pulsa o timbre da vella pitonisa
que está a piques de descifrar
nas cartas sagradas
o tumultuoso futuro do cabo furriel.


Do libro “Territorios estraños”

sábado, 10 de mayo de 2014

A NOITE DO PERDEDOR

Hai noites así, pesadas coma chumbo,
nas que os recordos queiman e as paredes
están cargadas de electricidade estática;
un síntese outsider e o desarraigo
medra polo carné de identidade.
Hai noites así, nas que nada nos ata á cordura,
nas que o cotián é estraño
e cómpre saír buscar a redención das catedrais
nas mans dalgún borracho moribundo.
Hai noites así, que son coma unha coitelada
no medio da fronte, coma gorrións
petiscando a friaxe das sombras.
Un coche derrapa no cruce da avenida
e unha arcada de melancolía azul
parece esperar por nós á beira dos portais
onde os catálogos de abrazos teñen un prezo.
Hai noites así, coma gotas de mercurio,
coma espazos en branco, coma úlceras sangrantes
mentres unha muller baila dentro do cristal das túas bágoas.
En noites coma estas hai que investir en cicatrices,
en amores de contrabando, en alcohol de garrafón,
en astrólogos de madrugada.
Din que convén pisar o inferno
para ser algunha vez merecedores do paraíso.

Do libro "Territorios estraños"

jueves, 17 de abril de 2014

QUERENZAS (SEN DESVARÍOS)


Graffiti que os nen@s de Sober fixeron co gallo do Día da Poesía



Quérote
e dígocho así, a queimarroupa.
Coma un disparo.

-------------------------------

Quérote, díxenche,
e unha onda de calor
inundou a casa, 
saíu á rúa
e espallouse en segundos pola cidade.
O home do tempo
non soubo explicar tan estraño fenómeno.

Poemas do libro "Territorios estraños".

jueves, 3 de abril de 2014

PRESENTACIÓN DE "TERRITORIOS ESTRAÑOS", POR PAULA VERAO




Esta é a presentación que Paula Verao fixo de "Territorios estraños" 
o 26 de marzo en Sober



Territorios estraños, a voz lírica-lúdica-libre do Sandoval da Riba. 
(Presentación de Territorios estraños (2013), de Ramón Sandoval en Sober. Os entrecomiñados son tirados da obra.)

Nos anos 90, dicir Sandoval naquel Sober en decadencia demográfica e social era case falar dun mito: o Sandoval do fútbol, o carteiro rockeiro, un poeta!

Personaxe mítica o Sandoval, o da melena negra alborotada, como míticos son os micro-mundos que recrea nas súas pezas literarias, nas que unha cantina de Viloriz pode ser un antro máis glamuroso que calquera pub londinense, onde a serie “CSI Las Vegas” está a altura intelectual de Bertol Brecht ou o “polígono de Monforte de Lemos” ten o encanto sensual dos moteis de carretera estadounidenses.

A poesía do Sandoval vén coma dunha ponla perdida da cultura da Movida dos 80  – a de verdade, non á edulcorada da progresía-; sabe a whiskie (“de garrafón”) apurado en tascas de madrugada, cun lonxano eco das carpazas da ribeira da Somoza e do Castriño; cheira a borralla de Cinseiro (“de cigarros negros”) en habitacións de libros apiñados e álbums de clásicos de Rock confundidos co “póster do Che”.

A poesía do Sandoval soa a música (dos Stones, de Manolo Tena…), porque poesía e música van moi parellas na obra do da Arriba, que mesmo parece estar escribindo a priori letras de cancións, cal trobeiro medieval compoñendo pezas para que sexan cantadas por quen saiba e que así, pasadas polo filtro da arte musical, sexan outro medio de chegar á amada, un dos motivos centrais da súa obra.

A poesía do Sandoval é coma un “esconxuro”, coma un bálsamo para as cicatrices, eses “costuróns sobre a pel gastada” de tanto dar “rodeos sen atopar nada” ata que se adquire un “pasaporte para viaxar á república da utopía”.

Territorios estraños é un poemario lírico-lúdico-libre de lectura fluída coma auga (ou ”ron que sabe a ti”). De poemas de redondo e pulido acabado distribuídos en tres partes: “Interferencias” –tristura, dor, desubicación, búsqueda-,  “De amores e ausencias”  -a luz, o amor, o acougo e o desacougo pola ausencia, o desexo desinhibido, a esperanza, “mochilas de esperanza”-,  e “Principios de incerteza”  -o fantástico cotián-. Un poemario de realismo máxico e oníricos escenarios. Poemas de amor, pero tamén da crise  -poeta en crise permanente,  “coas alforxas baleiras”-;  poeta da dor de estar vivo, da dor de ter nacido e sobrevivir nun mundo alleo aos ritmos das persoas tímidas e sensibles (que se senten “outsiders” e ás que lles “medra o desarraigo polo carné de identidade”);  poemas da realidade gris confrontada coa molicie do amor desexado e correspondido e coa vontade de gozar da vida “sen doparse”; poemas no que o universo cultural é un todo, dende Cortázar ata o “león da Metro”; poeta das pequenas cousas que se converten en mundos completos.

A poesía do Sandoval é unha revolta libertaria que comezará na Arriba e inundará o mundo todo de mazairas en flor, coma as da parroquia de Barantes, patria indiscutible do espírito de raposo que mora na alma libérrima do Sandoval e que, de vez en cando, lle dita poemas. Ben seguro que o Eladio da Riba ía fachendear de neto.

Paula Verao

viernes, 21 de marzo de 2014

PRESENTACIÓN DE "TERRITORIOS ESTRAÑOS"


O mércores que vén, 26 de marzo, as 19:00 h estarei pola Biblioteca Pública de Sober (xa sen goteiras) co “Club de Lectura Pintor de Castinande” nunha presentación/coloquio do libro “Territorios estraños”.
Conto coa colaboración de Paula Verao e, como a poesía fai boa maridaxe coa música, ó remate teremos a actuación dos Parentes, ese famoso grupo musical de Sober, que nos cativarán coas súas cantigas.

jueves, 13 de marzo de 2014

A PEITO DESCUBERTO


O día non presaxiaba nada bo.
O ceo desfacíase diante dos ollos
e os zapatos non podían resistir tanto tremor.
A dor era una froita madura
nun niño de formigas,
un accidente abrazado ó cadaleito.
Daquela soubo que tiña
que pór a ferida antes cá venda
e saír á rúa
ofrecendo o peito
ós disparos do francotirador.
Iso ou afundirse a contracorrente.


Do libro "Territorios estraños"

lunes, 3 de marzo de 2014

UNHA COPLA PARA O ALCALDE DE SOBER


O sábado entrei na biblioteca de Sober  e atopeime con isto: un cubo para recoller as  goteiras, papeis para que non se molle o chan, plásticos para protexer os libros da auga e Julia, a bibliotecaria, facendo apaños para arranxar as filtracións. A imaxe é tercermundista. Así que, aproveitando que estamos en Carnaval, fixen esta copliña para o alcalde.  A ver se toma nota.

Señor alcalde, por favor
mande amañar as goteiras
que ten a Casa da Cultura,
que chove na biblioteca.

E seica chove nos libros,
nas mesas e nas cadeiras
e chove por Manuel Rivas,
por Ferrín e Novoneyra,
e a Julia non dá abasto
tapando tantas pingueiras.
Non creo que custe moito
poñer unhas cantas tellas.
Sober ten bos operarios,
contráteos sen máis espera
que os que gustamos dos libros
tememos unha desfeita.
Rosalía está amolada,
a Pardo Bazán  patexa
e Celso Emilio Ferreiro
botou as mans a cabeza
pensando que xa volvía
unha noite de auga e pedra.
Carallo, seica me mollo,
díxolle Clarín á Regenta
e ata xura en arameo
Don Camilo José Cela.
Unanumo anda rosmando,
Manuel María protesta,
tamén Borges e Cortázar
e os piratas de Espronceda,
Miguel Delibes, Neruda,
Arthur Miller, Gil de Biedma,
Federico García Lorca,
Bolaño, Lope de Vega,
todos temen enchouparse
dende os pés ata as orellas,
e nin pode saír da casa
a Carapuchiña Vermella,
con tanta auga que cae
ata o Quixote se queixa.

Por favor, señor alcalde,
mande amañar as goteiras
que non merecen os libros
que chova na biblioteca.

viernes, 14 de febrero de 2014

CREBACABEZAS

Anxos brincando polas rodeiras do tempo
á procura de vagalumes.
Un poeta desterrado está a piques
de descifrar no peitoril da xanela
a ecuación do porvir.
Na alfándega segue retido
un vello gramófono, sospeitoso
de facer soar as folerpas de neve.
O medo é unha píntega
camuflada no luscofusco.
Nun cambio de rasante
da vía rápida do Morrazo
chocan un fóra borda do narcotráfico
e unha limusina.
A colisión é brutal:
restos de carmín e estalactitas na calzada.
O doutor Gil Grissom * olla a escena,
perplexo e desconfiado.
As pezas non encaixan.

Do libro "Territorios estraños", VI Premio de Poesía Victoriano Taibo




* Supervisor na serie CSI Las Vegas

domingo, 19 de enero de 2014

JUAN GELMAN

Deixounos Juan Gelman, a voz comprometida, o poeta da ollada triste, o que non vivía para escribir senón que escribía para vivir. A súa ausencia xa nos pesa coma unha lousa.
Aquí vos deixo dous dos seus poemas.


PREGUNTAS
Ya que navegas por mi sangre
y conoces mis límites,
y me despiertas en la mitad del día
para acostarme en tu recuerdo
y eres furia de mi paciencia para mí,
dime qué diablos hago,
por qué te necesito,
quien eres, muda, sola, recorriéndome,
razón de mi pasión,
por qué quiero llenarte solamente de mí,
y abarcarte, acabarte,
mezclarme en tus cabellos
y eres mi única patria
contra las bestias del olvido.



EL JUEGO EN QUE ANDAMOS
Si me dieran a elegir, yo elegiría
esta salud de saber que estamos muy enfermos,
esta dicha de andar tan infelices.
Si me dieran a elegir, yo elegiría
esta inocencia de no ser un inocente,
esta pureza en que ando por impuro.
Si me dieran a elegir, yo elegiría
este amor con que odio,
esta esperanza que come panes desesperados.
Aquí paso, señores,
que me juego la muerte.

martes, 14 de enero de 2014

PREMIO LEIRAS PULPEIRO: CICATRICES DO INSOMNIO, VI

E este é o último poema do traballo premiado en Mondoñedo.

NOITES DE PAIXÓN
Luns para berrarlle ós antigos deuses,
martes para o desacougo dos malos tempos,
mércores para a loita dos que estamos malditos,
xoves para o desamor onde se enxerga a choiva,
venres para albiscar que tamén os heroes latexan nos suburbios,
sábado para navegar polos pubs co manual de instruccións,
domingo para o reconto, para facer un balance provisional
e tentar sobrevivir a este insomnio unha semana máis.

lunes, 6 de enero de 2014

PREMIO "LEIRAS PULPEIRO": CICATRICES DO INSOMNIO, V

Este é o quinto poema, e aproveito para desexarvos un bo 2014.

DE MADRUGADA
Na radio da madrugada
falan de enigmas, orgasmos e volcáns;
a memoria invade os libros,
as sombras vencen as murallas
e os suicidas fitan os reloxos
antes de enfrontarse cos acantilados.
Hai palabras que non se acaban nunca,
paxaros que fan os niños nos beizos,
un incendio persegue as abellas
e soan disparos entre os caraveis.
As horas pasan lentas
e están cheas de versos inacabados.
A cama é unha duna de areas movedizas
cun vento que zoa sen descanso.
Fóra está o gume da noite, e as estrelas
sorrín e laretan polo baixo.
E quen tivera a carón unha pel
na que refuxiarse desta tempestade,
uns peitos para vencer o frío
e deixarse caer nun sopor morno.
Pero non hai covas de abrigo,
nin un peirao no que amarrar as naves desatadas,
nin escaleiras polas que subir ó cuarto de Morfeo.
Só queda maldicir este desvelo moito tempo despois
de que se apagasen os ecos do camión do lixo,
ese escuro e ruidoso animal asfáltico
que percorre a barriada
con sinistra teimosía nocturna.

domingo, 29 de diciembre de 2013

PREMIO "LEIRAS PULPEIRO": CICATRICES DO INSOMNIO, IV

Cuarto poema

QUEBRACABEZAS

Tento recompoñer os anacos
deste quebracabezas inacabado
de présas, horarios, artigos de oferta,
a sede, o asombro cotián,
semáforos de conciencia,
cortes de manga diante do espello,
expedientes, nostalxias, luces de posición,
sabas como bandeiras, mar e escuma,
e a fuxida os venres pola A-52.
Nada cambia,
unha cidade sen datas misteriosas,
unha longa viaxe cara ó inverno
mentres debaixo do silencio
quebran os desertores.
Nunca segundas soidades foron boas,
unha tempestade para facer medrar
o medo de séculos futuros,
e o amor que segue a afogarse
entre coxas de cobre
para librarse da friaxe dos álbums
e dos heroes de plastilina.
Onde atopar abrigo neste bosque en chamas?
Onde buscar saliva neste deserto?
Como un minotauro desenganado
no dédalo desta noite sen sono
busco o verbo que me defina,
o pasadizo que me salve desta derrota na gorxa,
e paro na primeira gasolineira
a repoñer o combustible necesario
para dar chegado a Ítaca,
o derradeiro refuxio para os homes
que queren (e non poden)
seguir sendo nenos.

lunes, 23 de diciembre de 2013

INDIVIDUO SOSPEITOSO EN DOADE

Nun carreiro dos arrabaldes de Doade, non moi lonxe dos socalcos que producen o saboroso viño mencía, foi atopado onte á maña cedo, desorientado e cheo de rabuñaduras, un individuo gordo vestido con ridículo traxe de cor vermella.
Non fala galego, máis si castelán e inglés, e dixo chamarse Papá Noel, aínda que non aportou ningún tipo de documentación.
A súa historia é confusa: dixo que viña de moi lonxe, que traía unha morea de agasallos (así pola cara) e que se perdeu preto da Abeleda. Dixo que viaxaba nun carro tirado por renos e que, por mor da mala sinalización, o exceso de velocidade e o luscofusco, non deu collido unha curva preto da ponte e alá foron, o fondo do Sil, o carro e os cérvidos mentres el saíu despedido contra unha matogueira de toxos. Dixo que, ferido e confuso, botou a andar sen saber cara onde e que se perdeu na aba do monte.
A policía non dá creto a súa versión e máis ben pensa que, dada a súa pinta de borrachín, andaba á procura da adega Regina Viarum coa idea de meterse nela pola noite e trasfegar uns cuartillos de tinto ó bandullo.
Estase á espera de que cheguen uns mergulladores profesionais desde Cangas do Morrazo para ver se atopan algún resto do accidente/naufraxio. Entrementres, o individuo permanece detido nas dependencias da comisaría de Monforte sen ningunha consideración.



sábado, 21 de diciembre de 2013

PREMIOS EN PARADELA

O xoves 19 estiven en Paradela co gallo da entrega de premios do XVIII Certame Literario Manuel-Oreste Rodríguez López. Ó abeiro de Xulio Xiz e José Manuel Mato compartín un entrañable acto con familiares de Manuel-Oreste e Celso Emilio Ferreiro, e outros premiados como Manrique Fernández, Xosé Farruco Graña e Xosé Otero Canto.
A foto é do libro colectivo que se editou cos traballos premiados neste certame.

domingo, 8 de diciembre de 2013

TERRITORIOS ESTRAÑOS

O vindeiro 23 de novembro tiven a honra de recibir na escola de Guillufe (Gondomar) o VI Premio de Poesía Victoriano Taibo, organizado pola Entidade Local de Morgadáns e o Instituto de Estudos Miñoranos. Aparte da dotación en metálico e unha escultura de Fino Lorenzo, o premio tamén incluía a publicación do libro (este que vedes na foto).
Un acto entrañable no que participaron a banda de gaitas “Balcón do Miñor”,  Elvira Riveiro cunha disertación sobre Taibo e Rosalía de Castro, un recital de Dania D’Alfonso, e o grupo de teatro Bertorella representando  o conto de Taibo “O can de San Roque”.
Máis información aquí.