martes, 17 de mayo de 2016

Lembrando a Manuel María


Neste Día das Letras Galegas adicado a Manuel María eu tamén quero contribuír cun humilde sonetíño. Os mais coñecedores da súa obra decataranse de que usei algún título dos seus libros para encher os versos. Tamén iso forma parte da homenaxe.

LEMBRANDO A MANUEL MARIA
Se digo Manuel, digo liberdade,
home da Terra Chá, bandeira e norte,
Saleta, mestre, Xistral en Monforte
coa man tendida sempre a irmandade.

Se digo María, lembro ao poeta,
muiñeiro de brétemas, mes de advento,
cancións do lusco ao fusco co alento
de quen foi para nós camiño e meta.

Cecais hai unha luz na noite escura,
luz que nos leva na túa procura
pois a loita segue, Manuel María.

Dános a forza, líbranos do pranto,
nesta Galicia que quixeches tanto
dános o poema teu de cada día.

sábado, 7 de mayo de 2016

Devastación


"Todo pende de que un día
en vez de neste campo de papoulas,
a alma da bolboreta se pouse
nunha inmensa chaira de cardos mortos."

Xavier Seoane, do libro "Do ventre da cóbrega"

jueves, 5 de mayo de 2016

Tempo de dúbidas


"Ni me creo en posesión de la verdad, ni me supongo sabio, pero me llena de orgullo el saberme inmerso, de hoz y coz, en la duda, que no es mal sino muy honesto camino".

Camilo José Cela


domingo, 20 de marzo de 2016

Masculino singular de Carlos Negro


                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                        Di a contraportada que Masculino singular de Carlos Negro "é un corte de sangue no medio do afeitado... Tamén é un diario íntimo que reclama tenrura nunha revolución de magnolias, pero sen pólvora, porque xa non precisamos himnos de batalla nin falos erectos nas portas dos aseos.
Masculino singular é un código aberto aínda inconcluso, que se constrúe máis alá do propio texto, naqueles espazos sociais onde algúns homes aprenden unha lingua sen sufixos de exterminio."

Concordo.

martes, 9 de febrero de 2016

Cousas da lei


Billy O Neno (Kris Kristofferson), na película do ano 73 de Sam Peckimpah, dicía que “ a lei é unha cousa curiosa”. Non lle faltaba razón.
En Madrid, dous titiriteiros que representaban unha obra, aceptémolo,  de dubidoso gusto e na que saía un cartel no que se podía ler GORA ALKA ETA, foron metidos no cárcere inmediatamente por enaltecemento do terrorismo.
En Barcelona, se cadra xa outro país, un profesor acusado de abusos sexuais a menores durante 30 anos foi posto en liberdade provisional polo xuíz, a pesares de que o detido recoñeceu e asumiu os feitos.
A min que alguén mo explique porque eu non o entendo.
Si Billy, no 2016 a lei segue sendo unha cousa ben curiosa.

lunes, 1 de febrero de 2016

Tempo de ler

Agora que xa pasaron as festas de Nadal, o rebumbio das eleccións, a arroutada das rebaixas, a costa empinada de xaneiro, agora que chegou febreiro coa súa dose de normalidade supoño que atoparei tempo para empezar a ler estes libros que teño pendentes.


lunes, 18 de enero de 2016

AXUSTE DE CONTAS

Como un golpe de mar
na metade da fronte,
como un golpe de mar
cando os mariños poñen rumbo
ó corazón da noiteboa.
Polos meus ollos voaron bolboretas azuis
que despois se desfacían
contra as hélices dos avións
que sucaban o ceo encapotado do futuro.
Unha fumareda envolve os dedos
das malditas madrugadas
nun axuste de contas comigo mesmo.
A infancia saloucando polas congostras,
a infancia convertida en cinzas, 
coma o cadáver dun animal
sacrificado no lume dos antigos deuses,
cando os reis magos 
non puideron  chegar a tempo
porque trabucaron o camiño
e acabaron indocumentados
delirando en calquera comisaría,
e a carón do presebe 
só queda o recendo da morriña,
do que puido ser e non foi,
e un cartel  na porta
de “Pechado por reformas”.

(Este poema foi premiado no Certame Literario Revista A Pipa 2015 da Alta Montaña Luguesa, Becerreá)


miércoles, 6 de enero de 2016

A fala. Manuel María


Xa que o Día das Letras Galegas  2016 estará dedicado a Manuel María, inicio o ano cun poema deste poeta chairego no que fai unha defensa acendida da nosa lingua, esa que el tanto amou.


      A fala

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!
                  Manuel María

jueves, 31 de diciembre de 2015

Feliz 2016





Aínda que se lle facemos caso a El Roto, que é un tipo ben informado…


sábado, 26 de diciembre de 2015

Seguimos tocando fondo

Estas sombras como refuxio
para os que xa non temos
nada que agochar.
Esta primavera  con prognósticos
de catarreira e hipertensión.
Esta partida de póker 
cun proxecto fracasado de escaleira.
Este xoves que se arrastra  
co degusto amargo dos luns.
Esta manía de nadar a contracorrente,
ser carne de canón, ter ganas de  nada,
pórlle portas ó campo,  codificar os soños.
Esta mitoloxía de rancores,
esta intoxicación de morriña,
estas armas de dobre fío,
este teléfono mudo,
este xamais,
este por fin.
                                             Do libro "Territorios estraños"

domingo, 13 de diciembre de 2015

12-12-2012


Pratos sucios no fregadeiro,
nos mobles unha capa antiga
de po e melancolía,
manchas de nostalxia
polas paredes,
as lembranzas esvarando
cara ós recantos,
e hai como un mutismo líquido
pendurado do teito.
No medio do salón, o  alugueiro
cruzou os dedos e tocou madeira
agardando que o 13
fose, por fin, 
o seu número da sorte.
                   Do libro "Territorios estraños"

sábado, 5 de diciembre de 2015

Rajoy en estado puro



Os descifradores de códigos secretos agradecen calquera axuda que se lles poida prestar para tratar de descubrir que carallo quixo dicir Rajoy con esta frase: “Es el vecino el que elige al alcalde y es el alcalde el que quiere que sean los vecinos el alcalde.”
O tema corre présa porque este individuo seica se presenta a presidente de España. Cousa cando menos preocupante.

martes, 1 de diciembre de 2015

Estraños son os camiños do señor

Tentaba o cura colgar
un crucifixo na parede.
O martelo, violento por natureza,
mallaba con forza no cravo
ata que por causas descoñecidas
desviou a traxectoria e foi machucar
o dedo polgar da man esquerda
que suxeitaba a punta.
Hostia en Deus!!!
berrou o crego, adoecido.

                            Do libro "Territorios estraños"

jueves, 12 de noviembre de 2015

Salvando as distancias

Nesta noite de ausencia,          
a cento e tantos quilómetros de desterro,
coa friaxe espallándose con preguiza
ó outro lado das ventás
onde quizais latexa unha cidade ou quizais nada,
noméote baixiño coma un esconxuro
para derreter as distancias
e recuperar o teu corpo doce coma mel,
e bebo outro trago
buscando o fondal dos teus ollos
e imaxínote entre as sabas,
espida, leda, cálida, turbadora.
O ron sábeme a ti. 
                    Do libro "Territorios estraños"

miércoles, 28 de octubre de 2015

Abrazos que salvan

A listaxe das miñas vitorias
cóntase por derrotas,
as chamadas de auxilio sempre toparon
cun contestador automático fóra de servizo,
os camiños que me gustan
teñen un cartel de prohibido o paso,
e os meus personaxes favoritos
case sempre morren antes de rematar a película.
Será preciso que che diga, ruliña,
que sen os teus abrazos,
nos que se detén o tempo,
faríaseme moi costa arriba este mundo
cargado de desánimo, depresións  e protestas?

                                            Do libro "Territorios estraños"

domingo, 18 de octubre de 2015

¿Qué fue de los cantautores?

Nesta mañá nubrada de domingo e que ameaza choiva, deíxovos este poema/canción de Luis Pastor.

Siete vidas tiene un gato
aunque no caze ratones.
Hay cantautor para rato:
zapatero a tus zapatos,
cantautor a tus canciones,
Luis Pastor, con dos cojones.


 

miércoles, 7 de octubre de 2015

Volta ó rego

Estas pernas que se negan a percorrer
as beirarrúas que levan á oficina.
Esta ollada que se resiste a sufrir 
a paisaxe cotiá de rotondas e traxes gris-cemento,
de derrotas mesturadas con  paracetamol,
de semáforos insubmisos 
e escaparates coa moda do outono,
e  prefiren seguir colgados da maxia
salvaxe e volcánica de Lanzarote.
Este corpo que non quere entender de urxencias
nin da escravitude do reloxo.
Estes dedos que se  fixeron  alérxicos 
ós  códigos de barras, ós  impresos M-11
e a un ordenador Inves con vistas á rúa Zamora.
Este síndrome postvacacional
que non me serve como coartada.
                                         Do libro "Territorios estraños"

lunes, 21 de septiembre de 2015

Non hai mal que por ben non veña


O destino de Osama Abdul Mohsen era saltar fronteiras, esquivar gardas fronteirizas, recorrer km e km por estradas que quizais levan a ningures: un ser anónimo, un refuxiado máis nesta deshumanizada Europa.
Pero no seu camiño cruzouse Petra Lazslo, unha periodista húngara, unha reporteira intrépida que gusta de estar sempre o  pé da noticia.
E todo cambiou. A imaxe de  Osama caendo co seu fillo en brazos atravesou os continentes, ocupou periódicos e telediarios, incendiou as redes sociais. Agora Osama está en España, foi recibido cos brazos abertos, é un heroe. Florentino Pérez, ese ser superior, dedicoulle o seu mellor sorriso. O fillo, Zaid, saltou ó Bernabeu da man do  seu ídolo, Cristiano Ronaldo,  algo que so está o alcance dos elixidos.
Osama vai traballar de adestrador de fútbol, terá un soldo xusto. Si sabe xogar ben as súas cartas cansarase de facer entrevistas, publicará un libro e mesmo pode ser un dos concursantes na próxima edición de Superviventes.
E todo por unha cambadela: un acto noxento e miserable pero que resultou ser do máis beneficioso. Agora si que entendo a frase esa de que “Deus escribe dereito con liñas tortas”.
Pero, quen é Petra Lazslo e porqué actuou así? Teño para min unha hipótese.
Polas súas veas corre sangue zíngara, esa antiga estirpe que ó longo dos séculos e das migracións foi quen de adquirir unha conciencia profunda do universo, de descifrar os arcanos do tempo e o espazo, e mesmo de predicir o futuro con so botar unha ollada.
Petra Lazslo, herdeira de tal ancestral sabedoría, viu a Osama correndo cara ela co seu fillo en brazos e nunha máxica décima de segundo soubo todo o que podía facer por eles con so estirar a man, quero dicir con so estirar a  perna esquerda. Así que deulle a orde correspondente a súa extremidade inferior.
E fíxoo coa xenerosidade que caracteriza as grandes persoas: sabendo que despois sería incomprendida, insultada, difamada,  ameazada, despedida do seu traballo, sinalada por todos co dedo da ignominia, mesmo creo que a queren meter no talego.
Pero a Petra non lle importa toda esa incomprensión. Ela sabe que obrou correctamente. Ela sabe (e eu tamén) que fixo o xusto e o necesario para que un home bo e o seu fillo puideran ter un futuro mellor.

Alá é grande, e os camiños do Señor son inescrutables. Amén.

jueves, 10 de septiembre de 2015

Para empezar a preocuparse


Cando os bancos
máis sólidos e de fiar
son os de néboa.
Cando o principio de incerteza 
manexa as rendas dos semáforos.
Cando as mensaxes
que mandamos nas botellas
son chamadas de auxilio
ó noso asesor fiscal.
Cando na moviola Zarra
falla o gol contra Inglaterra.
Cando o que queda a flor de pel
é un corazón en bancarrota
e unha gastroenterite endémica.
Cando os golpes baixos  son a nivel
dos fociños e para elixir os perdedores
cómpre recorrer a foto finish.
Cando hai que viaxar ó estranxeiro
para sentirse como na casa.
Cando os domingos saben a martes,
cando deteñen as verbas por exceso de honestidade,
cando proliferan as listaxes  de promesas incumpridas,
cando as saídas de incendio están tapiadas.
Cando as teas de araña secuestran os dicionarios,
cando as balas chegan antes do previsto
e o peso das ausencias pon en perigo
a estabilidade emocional do planeta,
entón é  como para empezar a preocuparse.
                                                      Do libro "Territorios estraños"

lunes, 17 de agosto de 2015

Bicos (na noite)

Eu quero un bico para ganar a guerra,
ti perder a batalla para poder renderte.
Ti aceleras nas curvas da noite,
eu demórome a carón dos teus peitos.
Eu debuxo un plano do paraíso,
ti rómpelo en mil anacos para que ninguén o atope.
Ti  deixas que os pés te leven a outro pub,
eu fico preso dos teus ollos acastañados.
A min perséguenme as pantasmas do pasado,
ti apostaches dobre ou nada contra o futuro.
Ti pescudas unha razón para fuxir,
eu teño máis de cen para quedarme.
A noite esvara cara ó abrente
buscando unha saída.
Ti sorrís coqueta entre as sombras
das luces de neón
mentres eu lembro os versos de Manolo Tena
“de un largo naufragio tus brazos me salvan”
e volvémonos bicar.
                                         Do libro "Territorios estraños"